Fantástica actuación dos nosos taekwondistas na primeira xornada do Campionato de Europa Júnior de Pesos Olímpicos, que se está a celebrar estes días en Riga (Letonia). Sergio Troitiño (+78, Mat´s) logrou o título de campión de Europa, cunha actuación impecable. Ademais, Helena García (+67, Dobok) e Adrián Salanova (-68, Maniotas) lograron a medalla de bronce, mentres que Inés González (+67, Mat´s) acariciou o podio, ao caer nos cuartos de final e rematar quinta.

 

Para acadar o ouro Sergio fixo tres combates e nos tres logrou vencer en só dous asaltos. No primeiro enfrontouse ao alemán Kirills Gatccins e Sergio foi moi superior, a pesar de que cometeu algún erro, xa que viña de competir co sistema asiático, e lle costou un pouquiño adaptarse. Pero, con todo, rolda salientada en dous asaltos. Nas semifinais tivo como rival ao español Alejandro Martín e nova vitoria cómoda para o galego. Na final tivo enfronte a un compañeiro e amigo, o taekwondista Mikel Fernández, tamén convocado pola Federación Española (igual que Sergio). Nova exhibición de Sergio Troitiño para proclamarse campión de Europa de Pesos Olímpicos en +73 quilogramos.

 

E aínda temos máis boas novas. En +63 feminino, tiñamos dobre participación galega con Helena García e Inés González. Helena, que viña de participar no Europeo sub 21, logrou a medalla de bronce tras superar a dúas rivais. Nos oitavos de final venceu con claridade á francesa Jelissa Engone (0-2), e nos cuartos superou tamén en dous asaltos á competidora de Montenegro Andela Berisaj. Caeu nas semifinais ante Viktorija Helviga (Letonia), que nos cuartos de final tamén eliminará a Inés González: Viktorija foi a besta negra das galegas. Con anterioridade, Inés vencera en primeira rolda á ucraína Marharyta Krainova nun combate disputado que se decidiu a favor da galega por 2-1.

 

A terceira medalla galega da xornada foi para Adrián Salanova en -73 quilogramos. Salanova gañou en segunda rolda a Mykhailo Korsak (Ucraína) por un contundente 2-0 e nos cuartos de final asegurou a medalla ante o polaco Danylo Storchak, tamén vencendo en dous asaltos. Iso si, non puido con Artem Balaka (Ucrania) na semifinal, polo que se tivo que “conformar” cunha medalla de bronce.

 

Mañá venres participarán os catro galegos restantes que son Noa Romero (Natural Sport), Javier Otero (Kae Sport), Samuel Meilán (Tao) e Mateo Boudjenane (Boudsport).

Print Friendly, PDF & Email