O taekwondista galego Sergio Troitiño (-87, Mat´s) proclamouse hoxe campión de Europa sub 21 en Kosovo. O noso deportista fixo unha competición impecable, ao gañar os catro combates sen perder nin un só asalto.
Sergio Troitiño arrincou o Europeo fronte ao español Ayoub El Arnouki El Makdouri, o cal acadara a súa clasificación directa nunha President´s Cup. O deportista de Marín foi tremendamente superior e avanzou con comodidade aos cuartos de final, onde gañou a Aris Stylianidis (Chipre). No primeiro asalto, Troitiño venceu de forma moi clara e no segundo, cando parecía que Sergio xa o tiña, remontou o chipriota, que logrou poñerse por diante a falta de medio minuto, pero o galego tivo o tempo suficiente para volver a adiantalo e gañar tamén ese segundo round.
Na semifinal esperaba o francés Nahil Mehnana, un rival duro e forte. No primeiro asalto gañou o taekwondista do Mat´s con claridade, mentres que o segundo estivo máis igualado, pero sempre con control e dominio do deportista galego.
A final foi ante o grego Fotios Dompas, un deportista con ampla experiencia internacional, pero novamente Troitiño controlou a loita en todo momento e logrou impoñerse en dous asaltos para así acadar o título de campión de Europa sub 21. Noraboa Sergio!!!
Hoxe tamén competiron tres galegos máis, pero non puideron subir ao podio, aínda que si seguir aprendendo e medrando cunha cita internacional deste nivel.
Iago Mallo (-80 kg, Tao) gañou a primeira rolda a Michal Szadkowski (Polonia) en dous asaltos, pero perdeu na segunda fronte ao grego Andronikos Panagiotidis (2-0).
En -54 quilogramos tiñamos a dous representantes galegos e ambos perderon na primeira rolda. Javi Otero (-54 kg, Natural Sport) caeu ante Yanki Morkoc (Turquía) e Adrián Davila (-54 kg. Kae Sport) ante Gaetano Cirivello (Italia).
Mañá 13 de decembro competirán Carla Sesar (-57 kg, Natural Sport) e Helena García (-73 kg, Dobok).








