O galego Sergio Troitiño (-87, Mat´s) proclamouse hoxe campión de Europa sub 21! O galego, que era un dos favoritos para loitar polas medallas, coma sempre estivo concentrado en todos os seus combates, sen dar opción algunha aos rivais.
Sergio fixo un total de catro combates e gañou os catro en dous asaltos. O galego superou en primeira rolda ao valenciano Alejandro Martín en dous asaltos e con certa comodidade. Nos cuartos de final esperaba o turco Ertugrull Celik e outra vez dominio absoluto de Troitiño. E non parou. En semifinais deu boa conta do ruso Vladislav Budin e xa na final, co ouro no seu punto de mira, deu un serio castigo ao grego Rafail Ioannis Maretis, que foi incapaz de frear as arremetidas do galego (2-0).
Así, Sergio se proclamou por primeira vez campión de Europa sub 21 e segue a dar pasos firmes e seguros na súa progresión deportiva.
Tamén competiu hoxe, Silvia Otero (Mat´s), que foi a primeira en saír ao tapiz en -49 quilogramos para enfrontarse á sueca Indra Boden. A galega non estivo cómoda durante o combate e Boden dominou para impoñerse en dous asaltos.