Os galegos Sergio Troitiño (-87, Mat´s) e Alma Pérez (-53, Suh Sport) acadaron a medalla de bronce no Open de Holanda categoría sénior (G-1), que se disputou esta fin de semana en Eindhoven.
Fantástico o traballo de Troitiño que logrou subir ao podio tras facer tres combates. No primeiro enfrontouse a Suleymanov (Azerbaián), que foi o campión deste Open o pasado ano. Foi unha dura loita en tres asaltos, e no primeiro combate do día.
Nos cuartos de final o rival era Amer Ali (Dinamarca), que precisamente fora prata o pasado ano. O galego comezou francamente ben e se impuxo no primeiro asalto con facilidade (7-1) e no segundo, aínda que tamén o gañou, lle costou un pouco máis (15-11).
Así logrou o pase á semifinal onde esperaba o número 1 mundial do peso, Icaro Martín Soares (Brasil). O noso competidor deu a cara en todo momento. No primeiro asalto caeu 6-0 e no segundo asalto chegou ao final con 3-3 no marcador, que se inclinou a favor do brasileiro por rexistros.
Pola súa banda, Alma, que viaxaba coa Federación Española, gañou en primeira rolda á española Paula Martínez, de forma clara en dous asaltos. Despois enfrontouse a Jade Theresa Castillo (Dinamarca) e nuevamente triunfo contundente da galega en dous asaltos. Nos cuartos de final a deportista do Suh Sport sufriu un pouco máis, para finalmente superar a Elsa Hernández (España) en tres asaltos e garantir así a medalla.
O descorrer de Alma pola competición rematou na semifinal, onde se atopou con Po-Ya Su (Taipei) e a galega caeu en dous asaltos.
Ademais hai que destacar o bo traballo de Arlet Ortiz en -57 quilogramos (Mat´s) que perdeu nos cuartos de final ante a representante de Taipei, nun combate moi disputado que se decidiu en tres asaltos. Con anterioridade superou dúas roldas: Inga Schleussinger (Alemaña) e Lin Chen (China), ambos en dous asaltos.
Pola súa banda, Irene Montemuiño (-62, Natural Sport) tamén tivo unha gran actuación, ao vencer dous combates e so caer ante a belga campioa do mundo, Sarah Chaari.
Adrián Salanova (-68, Maniotas) superou unha eliminatoria e perdeu ante o olímpico Javier Pérez Polo, no terceiro asalto. Yadira Reimúndez (-57, Mat´s), Miryam García (-62, Patiño), Desi Rivadulla (+73, Suh Sport), Samuel Meilán (-58, Tao), Lois Tomás (-63, Natural Sport) e Adrián Pan (-74, Mace Sport) vencen un combate e perden no segundo, mentres que Alex Pazos (-58, Taekanart) caeu no primeiro ante o representante de Albania.