Sergio Troitiño (65, Mat´s) logrou hoxe o triunfo na President´s Cup for Children, que se celebrou esta fin de semana en  Sindelfingen (Alemaña) e acadou así a súa clasificación directa para o Europeo Cadete. Ademais, Samuel Meilán (-49, Tao) logrou a medalla de bronce.

Este ano o premio estaba máis complicado na President´s Cup for Children xa que só o ouro acadaba a clasificación para o Europeo. Pero aí estaba Sergio Troitiño disposto a dar a sorpresa e levarse o Premio Gordo. E non fallou. Gañou no primeiro combate a Tristan Neill (Gran Bretaña) por 8-5 e así logrou o pase para as semifinais onde tería como contrincante a Dimitrios-Panagiotis Stefanidis (Grecia). Venceu con control absoluto por 8-4. E na final, Troitiño non deu opción algunha ao seu rival, o grego Theodoros Ioannidis, xa que gañou por K.O. no segundo asalto.

Pola súa banda, Samuel Meilán (-49, Tao) logrou a medalla de bronce, con outra magnífica actuación. Superou na primeira rolda ao bieloruso Anton Harbatsevich cunha enorme contundencia (40-0). Nos cuartos de final esperaba o grego Apostolos Pantazis e Samu tivo que loitar ao máximo para superalo (27-25). A semifinal foi contra o representante alemán Noah Chan. O galego non puido acadar a súa clasificación para a final, ao perder no punto de ouro. Gran traballo!

Anxo Vidal (-33, Natural Sport) rematou na quinta posición, ás beiras das medallas. Gañou en primeira rolda a Evangelos Koukousoudis (Grecia) por un axustado 36-35. No segundo combate superou a Nikolaos Trikatzis cun contundente 26-0, pero nos cuartos de final, contra o potente británico Lee Horswell, non puido impoñerse (33-13).

Iago Mella (-57, Natural Sada) venceu no seu primeiro combate a Alexandros Stathopoulos por 13-8, pero caeu no segundo por 21-8. E pola súa banda, Miriam Pérez (-44, Tao) caeu no primeiro combate contra a italiana Sofia Ruccolo por 25-18.

 

 

 

Print Friendly, PDF & Email