O taekwondista galego Sergio Troitiño (-87, Mat’s) acadou a medalla de prata no Europeo de Múnic tras realizar unha fantástica competición. Ata o de agora, o taekwondo galego e o seu club, o Mat’s, suman dúas medallas nesta importante cita continental. Troitiño só caeu na final ante o polaco Szymon Piątkowski, número 1 do ranking e bronce no último Mundial.
Troitiño comezou a competición ante o esloveno Patrick Diukovic, nun combate sinxelo para o galego, que resolveu en só dous asaltos e con enorme superioridade (1:19 e 3:7).
Nos cuartos de final, a cousa complicouse un pouquiño máis. O rival era o iraniano Mehdi Abedini, que comezou mandando no primeiro round. Foi unha loita moi axustada, decidida por pequenos detalles e que rematou con 5:3 a favor de Abedini, a pesar dos intentos de Sergio por puntuar ata o final.
No segundo asalto, Troitiño tomou o mando e atacou desde o inicio, sabedor de que tiña que remontar, fronte a un rival máis conservador, que esperaba a súa oportunidade para puntuar á contra. Así, o combate avanzou sen puntuación ata que, a falta de 25 segundos, o galego logrou poñerse por diante (0:3). Ese tramo final foi intensísimo, co iraniano tentando remontar e varias accións revisadas en vídeo. Ao final, 2:5 para o galego e todo ía decidirse no desempate.
O terceiro asalto comezou moi ben para o noso taekwondista, que axiña logrou ampliar vantaxe (0:6). A partir dese momento chegou o ataque sen descanso do rival, que o tiña todo perdido, fronte a un Troitiño moi serio, buscando a contra para sorprender. Ao remate, 5:14 para o galego e medalla asegurada.
Na semifinal esperaba o ucraíno Artem Harbar, medallista europeo en 2024 e un habitual nas grandes competicións internacionais. Troitiño sabía que sería un rival complicado e non se equivocaba.
O primeiro asalto comezou dominado polo galego (0:4), pero Harbar reaccionou para acabar impoñéndose por 15:10. Tocaba remar, pero unha vez máis Sergio amosou unha tranquilidade propia dun veterano. No segundo round logrou poñerse por diante desde o inicio (5:0) e xa non lle deu opción ao ucraíno.
O terceiro asalto foi moi duro, aínda que sempre co galego mandando no marcador, nun combate marcado tamén polas revisións en vídeo, que finalmente non prosperaron. Ao final, 10:12 para Troitiño, que soubo xogar coa vantaxe nos instantes finais para garantir o pase á final.
A final
Na loita polo ouro, o polaco Piątkowski controlou moi ben o combate. É un taekwondista alto, que se move moi ben e que dominou a pelexa desde o inicio. Moi pronto logrou poñerse por diante (0:2) e, aínda que Sergio presionaba, o polaco defendíase con moita cabeza. Con distancias mínimas (1:2), parecía cómodo e acabou levando o primeiro asalto por 2:4.
O segundo round foi moi similar. O polaco volveu adiantarse (0:4) e Sergio foi sempre a remolque, recortando diferenzas ata o 4:5 final, insuficiente para forzar o desempate.
Carla Sesar
Hoxe tamén competiu a galega Carla Sesar (-57, Natural Sport), que caeu no primeiro combate ante a polaca Nikol Linsowska.
Foi unha eliminatoria estraña, porque Carla foi moi superior no primeiro asalto (0:11), sorprendendo á rival nas contras. No segundo, aínda que ía por detrás no marcador, sempre estivo preto e con opcións. Ao final, o round decidiuse a favor da polaca (7:5) e foi necesario acudir ao desempate.
O terceiro asalto foi moi táctico, con poucos ataques e sen puntuación durante boa parte do tempo. Nos instantes finais, Carla arriscou máis do necesario buscando puntuar, e Linsowska aproveitou para sorprender á nosa deportista (4:0), sen tempo xa para reaccionar.
Primeiro Europeo sénior para Sesar e unha grande aprendizaxe de cara ao futuro.
Foto: MundoTaekwondo








