O galego Sergio Troitiño (+65, Mat´s), con cinco combates excepcionais, logrou hoxe proclamarase campión de Europa Cadete no peso pesado, no torneo que se celebrou estes días en Marina D´Or (Castellón).

Foi unha competición dura e moi fermosa, no que Sergio deu a cara loitando ata o último suspiro convencido das súas posibilidades. En primeira rolda enfrontouse ao turco Aziz Mert Saglam e pasou sobre el como un vendaval. O turco abandonou con 17-0 para o galego. No segundo combate o rival era o ruso Egor Tishkin e, aínda que houbo máis pelexa por parte do rival, o galego venceu por 23-19 e logrou meterse nos cuartos de final onde esperaba o representante de Croacia David Krmek.

Nos cuartos con Krmek, Sergio non deu opción algunha dende o primeiro asalto (6-2). No segundo a distancia parecía insalvable (22-4) e no terceiro, so tivo que confirmar o seu triunfo (30-11).

A medalla xa estaba asegurada, pero Sergio apuntaba ao máis alto. O rival na loita por meterse na final foi Xristos Karagoulas (Grecia), nun combate fermoso, emocionante e de enorme calidade. Estivo moi igualado todo o tempo. No primeiro asalto ía Sergio por diante, no segundo o grego e no terceiro a falta de 30 segundos, con empate (7-7) ambos contrincantes piden o vídeo-replay, pero non houbo punto para ninguén, e ao final o combate remata en empate (8-8). Houbo que ir ao desempate e novamente, Sergio foi moi valente e logrou o triunfo.

Coa prata no peto, había que mirar ao máis alto e iso foi o que fixo Troitiño. Comezou perdendo no primeiro asalto (2-4), pero recuperou (5-5, no segundo). O último asalto foi incrible, con intercambio de tantos a favor e en contra. Pero como sempre, este galego non se rende así que a falta de dous segundos, logrou puntuar e poñerse por diante no marcador (19-18). E así, ouro para Sergio e ledicia para o taekwondo galego.

Porque ademais non é a única medalla do taekwondo galego neste Europeo. Noa Romero (-33 quilogramos, Natural Sport Riveira) acadou a medalla de bronce na primeira xornada do Europeo e ademais as dúas medallas de Galicia son as medallas que acadou a delegación española neste campionato.

 

A continuación (do 4 ao 6 de outubro) e tamén en Marina D´Or celebrarase o Europeo júnior, no que Galicia terá unha importante representación. Alí estarán María Ferreiro (-44, Couto), Diana Siota (-49, Couto), Cloe Iglesias (-59, Patiño Moaña), Ainoha García (-63, Couto), Desiree Rivadulla (+68, Suh Sport) na categoría femenina e Giovanni Imparato (-55, Mace Sport), Alejandro Paz (-55, Natural Sport Riveira) e Pablo Patiño (-68, Patiño Moaña) na masculina.

Print Friendly, PDF & Email