Os galegos Tania Castiñeira, Alma Pérez e Sergio Troitiño acadaron a segunda posición nos seus respectivos pesos no Open de Polonia (G1), que se celebrou esta fin de semana en Varsovia. Tamén participou Pablo Patiño (-68, Patiño), pero non puido subir ao podio.

 

Tania Castiñeira (+73, Hebe) logrou a medalla de prata despois de superar dúas roldas e caer derrotada na final. Nos cuartos de final venceu a Urgence Mouega, de Gabón, por 2-1 e xa garantiu a súa medalla neste torneo. Na semifinal deu boa conta da australiana Reba Stewart (2-1) e na final enfrontouse á representante de Alemaña, Lorena Brandl, número 1 do torneo, a que non puido superar a pesar de facer un gran combate e loitar ata o final. Máis puntos para o ranking olímpico!

 

Alma Pérez (-53, Suh Sport) tamén foi segunda despois de facer tres combates, xa que ao ser cabeza de serie librou a primeira rolda. Desta forma, o primeiro combate da galega foi ante a alemá Nurselin Aydemir e Alma gañou de forma clara en dous asaltos. Na semifinal enfrontouse Abishag Semberg (Israel), que acadou a medalla de bronce nos Xogos Olímpicos de Tokyo. Alma gañou o primeiro asalto, pero perdeu o segundo, polo que todo se decidiu no terceiro “round”, que tamén estivo moi igualado ata os últimos segundos, nos que Alma logrou impactar a súa rival cun xiro arriba e lograr a vitoria.

 

Na final enfrontouse a Saffron Tambyrajah (Australia), unha deportista menos coñecida pero de gran nivel. O primeiro asalto foi para a australiana de forma moi axustada, no segundo Alma arrasou cun 11-0 e no terceiro gañou Saffron outra vez pola mínima e cun pouco de polémica por unha acción anulada a Alma. Pero aínda así, unha prata que lle permite sumar os 40 puntos para o ciclo olímpico por resultados nos Opens ao longo dun ano.

 

E por último, Sergio Troitiño (-87, Mat´s), que  competía no seu primeiro campionato coa selección española de taekwondo sénior, e tamén no primeiro torneo da tempada. No seu peso só había catro competidores, polo que só fixo dous combates. No primeiro enfrontouse a Adrián Wojtkowiak (Polonia) e número 1 do ranking, pero Troitiño controlou de principio a fin para vencer en dous asaltos.

 

Na final esperaba Artem Harbar (Ucrania) e foi unha loita moi intensa e dura, que caeu a favor do ucraíno, un deportista experimentado e con moitos recursos. Agora a pensar xa no vindeiro torneo!

Print Friendly, PDF & Email