Os galegos Tania Castiñeira, Arlet Ortiz, Alma Pérez e Iván García participaron esta semana no Grand Prix de Taiyuan (China), no que se reuniron os mellores taekwondistas do mundo buscando a clasificación para os Xogos Olímpicos. Era un evento do máximo nivel (G-6) que outorgaba 60 puntos pola medalla de ouro, 36 pola prata e 21.6 para os bronces. Desgraciadamente, nesta oportunidade, os nosos representantes non puideron subir ao podio e achegarse a esa clasificación olímpica.
Tania Castiñeira (+67, Hebe) superou na primeira rolda a Madelynn Gorman-Shore (USA) en un fermoso combate (2-1) e en oitavos de final caeu derrotada contra Althea Laurin (Francia), actual campioa do mundo. A pesar desta derrota, as sensacións de Tania no tapiz foron moi positivas, tal e como estaba a suceder nestas últimas actuacións.
Arlet Ortiz (-57, Mat´s) perdeu no primeiro combate ante a rusa Tatiana Minina en dous asaltos. Arlet non tivo moita sorte co sorteo, xa que comezou a competición fronte a prata olímpica en Tokyo.
Alma Pérez (-57, Suh Sport) gañou na primeira rolda a Charos Kayumova (Uzbequistán) en dous asaltos e avanzou ata os oitavos de final onde esperaba Nika Karabatic (Croacia), outra fantástica competidora. E aquí rematou a traxectoria de Alma no Grand Prix, xa que non puido coa croata, que venceu en dous asaltos.
E rematamos o repaso da actuación dos galegos con Iván García (+80, Mat´s) que despois de moitos meses parado pola operación de xeonllo, nos últimos combates comezou a recuperar as boas sensacións no tapiz. Así, enfrontaba o Grand Prix con moita ilusión, pero non tanta sorte, xa que no primeiro asalto tivo como rival ao ruso Vladislav Larin, o último campión olímpico. Foi un combate tremendamente axustado tanto por asaltos (2-1) como polo discorrer de toda a loita. Larin foi o campión do Grand Prix e sen dúbida o combate ante Iván foi o máis complicado de todo o día para o ruso.