Tania Castiñeira (+73, Hebe) logrou hoxe a medalla de bronce no Europeo sub 21, que se estivo desenvolvendo estes en Helsingborg (Suecia). A galega volveu subir ao podio, igual que o fixera o pasado ano, e confirma a súa magnífica traxectoria, tanto a nivel nacional como internacional. Foi a única medalla dos nosos representantes, xa que Miryam García (-62, Patiño), Alma Pérez (-53, Suh Sport) e Junior Luciano Martínez (+87, Neka) non tiveron precisamente sorte no sorteo, e tocoulles no primeiro combate un durísimo rival, que lles cortou a súa traxectoria no Europeo. Ademais, hai que destacar a presenza de Pablo Carou como membro do corpo técnico da Española e da árbitra internacional María Bautista.
En primeira rolda Tania enfrontouse á deportista de Ucraína e a galega foi tremendamente superior cun marcador de 31-0 ao final do segundo asalto.
En cuartos de final loitou contra a representante de Chipre, no que foi un combate moi táctico. Tania non estivo solta, quizás pola presión de estar en xogo unha medalla europea, pero ao final o enfrontamento finalizou cun resultado de 2-0 para a de Moaña.
O combate da semifinal sería contra a francesa Solène Avoulette, coa que perdera na final do pasado Europeo. Esta vez Tania estivo moi concentrada e presionou dende o inicio. Sen dúbida foi un combate moi rifado que chegou ao terceiro asalto cun marcador de 1-0 en contra de Tania. Aí, a nosa deportista arriscou para tentar poñerse por diante o que fixo que a francesa aproveitase unha acción e puntuase cun xiro (5-0), e confirmou así o triunfo. Bronce para Tania e novo ouro para a francesa.
Junior Luciano Martínez (+87) caeu hoxe en primeira rolda contra o representante de Bielorrusia por dous puntos nun apertado combate. Pola súa banda, Miryam García (-62) perdeu onte contra a deportista rusa de forma clara (26-1) e Alma Pérez (-53) foi derrotada por Turquía, nun combate no que a galega foi por diante no marcador nos dous primeiros combates.