Arrincou o Grand Prix Challenge de Muju para Galicia e con moi boas actuacións, aínda que as medallas se escaparon por moi pouco. Tania Castiñeira (+67, Hebe) e Adrián Salanova (-68, Maniotas) loitaron polo bronce, mentres que Helena García (+67, Dobok) perdeu nos oitavos ante a coreana Song da Bin, quen foi  finalmente subcampioa do Grand Prix.

 

Tania Castiñeira librou a primeira rolda por ser cabeza de serie número 3 do torneo e comezou a competición nos oitavos de final ante Aleksandra Kowalczuk (Polonia), cun bo combate e unha rotunda vitoria en dous asaltos. Nos cuartos de final enfrontouse á representante de Australia, Reba Stewart. Tania estivo moi cómoda no tapiz e cun bo control da distancia, o que lle permitiu volver a gañar por 2-0

 

Na semifinal, a galega enfrontouse á Song da Bin, que con anterioridade eliminara a galega Helena García. A coreana foi mellor ante Tania e cunha vitoria por 2-0 logrou plantarse na final do torneo.  Aínda quedaba un último combate para Castiñeira, a loita polo bronce, onde esperaba Lauren Williams (Gran Bretaña). Pero a pesar de que a moañesa o intentou  con todas as súas forzas, o bronce foi para Gran Bretaña.

 

Neste mesmo peso, como indicamos antes, tamén competiu a nosa taekwondista Helena García. A galega comezou a competición en primeira rolda ante a local Hui Se Hung e, impoñéndose aos nervios do debut neste gran torneo, logrou vencer en tres asaltos. Avanzou así cara a segunda eliminatoria onde esperaba a tamén coreana Song da Bin, que foi finalmente unha das sorpresas deste peso. Song da Bin venceu a Helena por 2-0 e  seguiu avanzando na competición en Muju.

 

Pola súa banda, en -68 quilogramos, Adrián Salanova fixo un fantástico traballo disputando un total de cinco combates e iso que librou a primeira rolda. Comezou a competición ante Had Tiranvalipour (refuxiado), e Adri fixo un gran traballo, vencendo en dous asaltos, con comodidade e collendo confianza. Nos oitavos enfrontouse a Dimitri Shishko (AIN) e Salanova foi claramente de menos a más. Perdeu o primeiro asalto, pero reaccionou moi ben e no segundo e terceiro gañou con moita claridade.

 

Nos cuartos de final, enfrontouse ao brasileiro Joao Souza Diniz, no que foi un combate moi duro, pero o galego se mostrou moi seguro e sólido e clasificouse para as semifinais (2-1). Na semifinal o rival foi o coreano Jung Woo-Hyeok e ambos ofreceron un fermoso combate, moi axustado, que se decidiu por detalles. No primeiro asalto o coreano gañou 7-5 e o segundo rematou cun 4-4, pero se decidiu por rexistros a favor de Woo-Hyeok.

 

Así, Salanova enfrontouse a Damir Shulenov (Casaquistán) na loita polo bronce. A pesar de que Adri fixo un moi bo traballo, o cansazo acumulado e as ansias de gañar, lle fixeron cometer algúns erros e perdeu o combate en dous asaltos e quedou acariñando ese bronce.

 

Noraboa a tod@s polo traballo ben feito e seguimos medrando, aprendendo e mellorando!

 

Mañá será a quenda a quenda para Javi Otero (-58), mentres que o domingo competirá Iván García e Sergio Troitiño (+80) e Alma Pérez e Arlet Ortiz, en -57 quilogramos.

Print Friendly, PDF & Email