A President´s Cup de Sofía rematou onte coa categoría sénior e dúas novas medallas para o taekwondo galego. Tania Castiñeira (+73, Hebe) e Iván García (+87, Mat´s) lograron o bronce nunha proba dun altísimo nivel.

 

Tania Castiñeira gañou en primeira rolda á turca Elifnaz Koseoglu  en tres asaltos. A galega logrou impoñer o ritmo no combate e estivo moi agresiva para avanzar á segunda eliminatoria fronte a Ainhoa Pastor (España), á que superou en dous asaltos coas mesmas armas. Na semifinal enfrontouse a Magdalena Matic (Croacia), unha rival coñecida e moi dura e, a pesar de que Tania o intentou todo e estivo moi preto, non puido derrotala.

 

Pola súa banda, Iván García comezou a President´s Cup ante Aliaksei Davidovich (neutral) e o galego venceu con facilidade en dous asaltos, nun combate moi bo do galego. Nos cuartos de final, o rival foi Emre Atesli (Turquía), un contrincante co que Iván se enfronta cada certo tempo, a última vez foi no Europeo na semifinal con vitoria do galego. Nesta ocasión, outra vez gañou Iván, con moita soltura en só dous asaltos. Na semifinal o rival foi o ruso Rafail Aiukaev, un taekwondista moi alto e pesado. Iván estivo moito mellor no segundo asalto que no primeiro, pero non puido con Rafail, quen finalmente logrou o ouro. Fantástico bronce e a clasificación para o Mundial no peto.

 

Houbo máis galegos na President´s Cup. Sergio Troitiño (-87, Mat´s) estivo moi preto do podio, ao perder nos cuartos contra Richard A. Ordemann (Noruega). Antes, superou a Matuii Forostiuk (Ucraína) e Kelen Bailey (Hungría).

 

En -54, Javier Otero (Natural Sport) gañou ao italiano Fracesco Zaconne, pero caeu ante Yahor Kaziou (neutral) na seguinte rolda. Neste mesmo peso, Manuel del Río (Maniotas) perdeu ante Jairo Agenjo (España).

 

Iago Mallo (-80, Tao) superou a Ian Rodrigo (México) en primeira rolda e perdeu na seguinte fronte a Ramón Ruiz (España). En -68 quilogramos, Adrián Salanova (-68, Maniotas) venceu a Bartosz Szukalski (Polonia), pero perdeu ante Iker Abad, que logrou o bronce.

 

Na categoría feminina, Alma Pérez (-53, Costado TKD Boiro) conseguiu superar dúas roldas. Venceu a Margarita Alieva (neutral) e a Magdalini Klakala (Grecia), pero caeu ante Lea Spetar (Croacia).

 

Ademais, Helena García (-73, Dobok) gañou a Julia Nowak (Polonia) na primeira eliminatoria, pero non puido coa española Belén Moral no seguinte combate. O mesmo pasou con Arlet Ortiz (Mat´s) e Ekaterina Rebón (Número Phi) en -62. Ambas gañaron en primeira rolda e perderon no segundo combate.

 

Print Friendly, PDF & Email