O domingo celebrouse en La Nucía o Open de España na categoría sénior e Tania Castiñeira e Iván García lograron subir ao máis alto do podio, mentres que Alma Pérez e Artlet Ortiz foron bronce. Foi un torneo dun altísimo nivel con taekwondistas de USA, México, Hungría, Francia, Venezuela, Gran Bretaña, Italia, Alemania…. Moitos equipos e deportistas moi destacados e destacadas, polo que o valor das medallas e aínda maior.
Iván García (+87, Mat´s) xa está imparable e no Open de España volveu demostralo. Superou a catro contrincantes para sumar o ouro. En primeira rolda gañou a Omar Hammoulili (Marrocos), nun combate sinxelo, que se desenvolveu en dous asaltos e que serviu para arrincar o campionato con confianza. Despois chegou a loita do Open. Iván enfrontouse ao seu compañeiro de club, Sergio Troitiño, e foi un combate fermoso, competido, emocionante e deses que enganchan ao público. Iván gañou no primeiro asalto pola mínima e cun resultado altísimo (20-21), xa que ambos deportistas se centraron no ataque. No segundo, tremendamente igualado (10-10), venceu Sergio e no terceiro, gañou Iván por diferenza de 12. Impresionantes os nosos deportistas!
E despois tivo unha semifinal tranquila fronte a Daniel Murillo, ao que venceu en dous sets. Na final enfrontouse ao italiano Mattia Molin e houbo que sufrir un pouco. Perdeu o primeiro asalto pola mínima, pero soubo reaccionar moi ben para vencer nos dous seguintes con superioridade.
Pola súa parte, Tania Castiñeira (+73, Hebe) acadou o ouro, cunha fantástica actuación. Arrincou a competición ante Ainhoa Pastor (Madrid) nos cuartos de final, e a galega gañou en dous asaltos. Na semifinal enfrontouse á mexicana Paloma García e o combate tamén rematou en dous rounds a favor de Tania.
E xa na final, esperaba a americana Hannah Keck. Foi un combate duro que ademais se puxo costa arriba, xa que Keck venceu no primeiro asalto por 2-0. Pero Tania non se descompuxo e remontou, gañando os dous seguintes asaltos e logrando así a medalla de ouro.
E tamén houbo dous bronces galegos. En –53 quilogramos Alma Pérez logrou o bronce no Open de España. Gañou sen dificultade na primeira eliminatoria en dous asaltos á catalá Erika Babiano e posteriormente, nos cuartos de final, venceu á francesa Inés Benetti en tres asaltos nun combate que estivo máis disputado. Na semifinal esperaba a estadounidense Melina Daniel, e a nosa taekwondista non puido con ela e caeu eliminada en dous asaltos nun combate moi axustado. Melina finalmente logrou o título no Open de España.
Pola súa banda, Arlet Ortiz (-62, Mat´s) tamén logrou o bronce en La Nucía. Arrincou a competición ante a alemá Viktoria Rucinski e despois, nos cuartos de final, superou a Elsa Secanell (Cataluña). Así logrou meterse nas semifinais onde espera a checa Petra Stolbova e desgraciadamente non puido con ela e caeu derrotada, sen poder plantarse na final.








