Están a chegar magníficas novas dende Estambul, onde está a celebrarse a sexta edición da President´s Cup. Hoxe competiron dous deportistas galegos e sumamos dúas medallas: Tania Castiñeira (+73, Hebe) e Manu Parada (-68, Natural Sport) acadaron sendas medallas de bronce.

 

Manu Parada fixo un total de catro combates. O taekwondista do Natural Sport comezou a competición ante o turco Mehmet kaan Senkuru e o galego venceu con facilidade (4-16). Na segunda rolda novamente veuse as caras con outro turco, Muhamed hanefi Koksal, e foi un combate tremendamente duro. Manu comezou perdendo e de varios puntos, pero non se deu por vencido e emprendeu unha gran remontada para finalizar vencendo (23-26). Nos cuartos de final o rival foi o ruso Adam Akhmaev e Parada foi sempre por diante, aínda que houbo un momento no que o ruso chegou a empatar, pero reaccionou o galego e logrou o triunfo (12-14). Desta forma garantiu a medalla de bronce e na semifinal tivo como rival ao medallista mundial Javier Pérez, que foi mellor para avanzar ata a final e despois lograr a medalla de ouro. Con todo, magnífica actuación de Parada que logrou vencer en tres combates.

 

Pola súa banda, Tania Castiñeira superou no primeiro combate a Aleyna Akcay (Turquía) nun combate dominado pola deportista do Hebe. Cando Tania ía gañando 7-2 no segundo asalto,  a turca decidiu retirarse con molestias nun xeonllo. En cuartos de final volveu ter que enfrontarse a unha turca, nesta ocasión Ayse Asma, que unha dura contrincante, pero Tania non tivo excesivos problemas para vencer (2-5) con moi boas sensacións. Na semifinal atopouse coa cabeza de serie número 1, a alemá Lorena Brandl, que destaca pola súa envergadura. A pesar de que Tania  o intentou todo, movéndose rápido polo tapiz, non atopou a forma de puntuar ante Brandl, que logrou o triunfo e despois se proclamou campioa da President´s Cup.

Print Friendly, PDF & Email