Catro meses despois, as galegas Tania Castiñeira (Hebe) e Sara Cortegoso (Mace Sport) regresan ao CAR de Barcelona. Este luns comezará para elas a nova normalidade post COVID-19 no Centro de Alto Rendemento e o día 1 de agosto participarán nunha concentración en Murcia da selección española.

 

Ambas viviron o confinamento en Galicia, unha vez pechou o CAR e mandaron a todas e todos os deportistas ás súas casas. Pero cada unha a súa maneira. Tania pasouno mal: “A verdade é que foi bastante duro, porque son unha persoa moi activa á que lle gusta facer moitas cousas e que me quiten esa liberdade foi bastante difícil de levar. Os días facíanseme eternos e evadíame adestrando, que era o que máis me axudaba a soportar esta situación”. Mentres, Sara levouno moito mellor e aproveitou para sacar o curso adiante (está facendo o Ciclo Superior de Deporte). “Ao comezo estaba contenta por volver a casa e estar coa familia, porque levaba fóra dende setembro e botáballes moito de menos. Estaba moi cómoda en casa sobre todo polo curso, xa que logrei aprobar todo grazas ao confinamento. Puiden dedicarlle moito tempo e recuperar algunhas sinaturas que daba por suspensas. Cando rematei o curso, foi xusto cando se comezou a permitir saír un pouco, así que bastante ben”, sinalou.

 

Ambas afirman que se atopan ben a nivel físico. Sara explicou que “en casa había días que estabas de baixón por un cúmulo de cosas: o curso, estar pechada na casa, non poder adestrar ben… E todo eso afecta. Pero agora, que xa podo facer máis cousas, adestrar no club, saír aínda que con precaución e mantendo as distancias de seguridade… A verdade é que estou moi ben na casa. Dame pena irme tan pronto, pero sei que alí tamén estarei ben, adestrando cos meus compañeiros, así que non hai problema”.

 

Pola súa banda, Tania recoñece estar desexando recuperar a rutina de sempre: “A verdade é que me encontro ben a nivel físico, con moitísimas ganas de volver á rutina de sempre alí, no CAR, e estar cos meus compañeiros e amigos de novo”.

 

Concentración co equipo nacional

 

Ademais, do 1 ao 16 de agosto ambas deportistas galegas están convocadas a unha concentración do equipo nacional de taekwondo no CAR de Murcia.

 

Será sen dúbida unha concentración diferente, xa que non hai campionatos á vista, polo que haberá que buscar incentivos persoais. Así Castiñeira afirma que “a concentración axudarame a aprender cousas novas e volver a coller ou mellorar o estado de forma de antes da cuarentena”. Cortegoso recoñece que é complicado, ante a falta de competición:“hai obxectivos persoais que é coller a resistencia de antes e volver a estar en forma para seguir crecendo. Así que irei a concentración pensando en estar ben cos meus compañeiros, cos técnicos, encontrarme ben traballando… O obxectivo sería como unha volta  á tempada”.

 

Para esta concentración tamén estaba convocado Manu Parada (Natural Sport Riveira), pero o noso taekwondista non pode acudir xa que nesas datas ten un exame importante. Parada, que viviu o confinamento con bastante aburrimento, explicounos que agora, ao poder ir facendo vida máis o menos normal e poder adestrar, as cousas son máis levadías. En setembro, regresará ao CAR de Madrid, onde continuará como externo.

Print Friendly, PDF & Email