Tania Castiñeira (Hebe) e Sara Cortegoso (Mace Sport) estiveron na primeira quincena de agosto concentradas coa selección española no Centro de Alto Rendemento de Murcia. Falamos con elas sobre como foi a concentración e ambas se mostraron moi satisfeitas polo traballo desenvolvido.
Tania explicounos que “foron dúas semanas que serviron para aprender moito dos meus compañeiros, xa que normalmente non adestramos xuntos. Ademais, poder gozar das directrices doutro adestrador sempre é enriquecedor”.
No mesmo sentido, expresouse Sara: “Estivemos dúas semanas de concentración en Murcia cos nosos compañeiros de selección do CAR de Madrid. Tivemos dous adestramentos diarios bastante variados e con alta intensidade”. Ademais, Sara destacou o aspecto da convivencia: “Tamén puidemos gozar de tempo libre cos membros do equipo e facer máis piña entre nós. Foi unha viaxe divertida, á vez que produtiva, que nos encantaría repetir”.
Agora ambas están de volta no CAR de Barcelona, onde seguen adestrando, con todas as medidas de seguridade necesarias, pero sen unha competición á vista aínda.