Tania Castiñeira (+73, Hebe) proclamouse hoxe en Tallín (Estonia) campioa de Europa sub 21, despois dunha competición excepcional e unha final moi apertada.
Tania iniciou o Europeo contra a representante de Suecia Alma Grunning e a toma de contacto non puido ser mellor: Magníficas sensacións e vitoria por un rotundo 22-0 para a galega. No segundo combate enfrontouse á croata Nikolina Mesic e outra exhibición de Tania, que se atopou moi cómoda no tapiz (22-7).
Casti xa estaba nas semifinais onde esperaba a turca Ayselnur Saglik. Foi un combate bastante igualado, no que a rival estivo áxil e logrou algunha acción ao casco, pero a nosa deportista foi sempre por diante e controlando o marcador (16-13).
Na final esperaba a representante de Rusia, Kristina Adebaio, unha vella coñecida das categorías júnior e cadete e coa que competira nunha ocasión e con vitoria da rusa. A final de hoxe estivo tremendamente disputada, tanto que rematou en empate no terceiro asalto. Así foi necesario acudir ao punto de ouro, onde Tania logrou impoñerse con dúas accións de puño e proclamarse campioa de Europa sub 21.
A galega, moi satisfeita, fixo balance: “Estou moi contenta de pechar a etapa sub 21 cun ouro, xa que fixera prata en 2018 e bronce en 2019. Era a hora de quitarme esa espiña e o fixen”.
Pero non foi a única representante galega no día de hoxe. No peso pesado, tamén competiron Desiree Rivadulla (Suh Sport), Nuria Cernadas (Natural Sport). Nuria venceu no primeiro combate a María Tsontaki (Grecia) de forma moi contundente (12-1), pero caeu nos cuartos de final ante a turca Saglik. Idéntico percorrido para Desiree, que superou en oitavos á turca Beyza Basma (13-5), pero non puido superar nos cuartos á representante de Israel Dana Azran (9-2).
Tamén tivemos a dúas representantes en -57 quilogramos (categoría feminina): Arlet Ortiz (Mat´s), Yadira Reimúndez (Mat´s).
Arlet rozou cos dedos a medalla que se lle escapou no último segundo. En primeira rolda superou por diferenza de vinte puntos a Vira Protsvitaieva (Ucrania) e posteriormente venceu de forma moi clara á representante de Italia (24-6). Nos cuartos de final esperaba a taekwondista de Estados Unidos Kristina Teachout e Arlet estivo moi preto da vitoria. Foi unha loita tremendamente competida, con vantaxes mínimas a favor de unha ou outra competidora e que se decidiu a favor da estadounidense no último segundo (27-26).
Pola súa banda, Yadira Reimúndez gañou o primeiro combate ante Valeria Tymchuk (15-6) sen pasar apuro algún. En oitavos de final, perdeu ante a italiana Giad Al Halwani nun axustadísimo combate (8-6).
Mañá será o momento de Ainoha García (-67, Couto) e dos nosos cadetes Nadia Bouzas (-37, Kae Sport), Noa Romero (-44, Natural Sport) e Pablo Torrado (-41, Suh Costado).