Unha prata e un bronce. Ese foi o botín acadado polas nosas taekwondistas Tania Castiñeira e Alma Pérez no Open de Albania (G2), que se celebrou esta fin de semana en Tirana. A deportista do Hebe acadou a prata, mentres que Alma foi bronce e ambas lograron chegar aos 40 puntos para seguir mellorando posicións no ranking mundial.
Tania Castiñeira (+73, Hebe) gañou no primeiro combate á Boutaina Mbarki (Gran Bretaña), en dous asaltos e con bastante claridade. Así acadou o paso ás semifinais onde esperaba Matea Kolovrat (Croacia), quen lle propuxo unha loita máis axustada que se decidiu en tres asaltos. No terceiro e definitivo Tania estivo moi ben para impoñerse por 2-6. Na final Castiñeira enfrontouse á alemá Lorena Brandl e a pesar de que a nosa taekwondista o intentou todo non foi capaz de puntuar. O primeiro asalto foi para a alemá por rexistros (0-0) e no segundo perdeu a galega 2-0. Medalla de prata para Tania e cuberto o cupo dos 40 puntos!
Pero houbo máis boas novas para o taekwondo galego. Alma Pérez (-53, Suh Sport) acadou a medalla de bronce e tamén o obxectivo de sumar os 40 puntos. A galega superou dúas roldas para caer nas semifinais e a pesar do magnífico resultado ela non se sentiu moi cómoda durante a competición. No primeiro combate venceu a Edanur Celik (Turquía) en tres asaltos (perdeu o primeiro e gañou os dous seguintes) e o mesmo sucedeu nos cuartos de final ante a italiana Ilenia Matonti. Na semifinal a rival era Patimat Abakarova (Azerbayán), bronce olímpico en Río, e Alma caeu derrotada en dous asaltos ante a deportista que finalmente acadou o ouro no Open de Albania.