Tania Castiñeira (+73, Hebe) quedou ás portas da medalla no Mundial de Wuxi. A taekwondista galega superou dúas eliminatorias e caeu nos cuartos de final ante a deportista local Wenzhe Mu, nun combate decidido en tres asaltos.

 

Tania iniciou o Mundial fronte á portuguesa Laetitia Barroso, e resolveu o duelo pola vía rápida, en dous asaltos moi cómodos, para seguir avanzando. En oitavos de final, Castiñeira impúxose á brasileira Raiany Pereira nun combate moito máis axustado: gañou o primeiro asalto, Pereira levou o segundo e todo se decidiu nun desempate moi táctico e igualado.

Xa en cuartos, a seguinte rival foi a chinesa Wenzhe Mu. Tania comezou dominando e venceu no primeiro asalto, pero a deportista local reaccionou para empatar e, finalmente, levou o triunfo no terceiro con claridade. Gran traballo da galega, que quedou moi preto das medallas neste Mundial.

Por outra banda, cómpre sinalar que Sergio Troitiño (-87, Mat’s) caeu na primeira rolda fronte ao xordano Saleh Elsharabaty, en dous asaltos. Era un rival descoñecido para Sergio, moi duro, que o sorprendeu e lle impediu avanzar no torneo. Un bo aprendizaxe para o futuro.

O Mundial continúa: o mércores 29 de outubro competirá Arlet Ortiz (-62, Mat’s) e ao día seguinte será a quenda de Alma Pérez (-53, Suh Costado Boiro).

Print Friendly, PDF & Email