Escapóuselle a medalla a Tania Castiñeira (+73, Hebe) por moi pouco. A taekwondista galega estivo moi preto das semifinais, pero o combate decidiuse por pequenos detalles e por unha penalización moi discutida. Así, Tania remata novamente quinta de Europa.

 

A galega chegaba con moitas ganas e iso notouse desde o inicio. O primeiro combate foi ante Viktorija Helviga (Letonia) e Tania saíu decidida e agresiva. Así, nos primeiros segundos xa logrou poñerse por diante con claridade ata acadar un contundente 0-5.

 

No último minuto, Castiñeira pasou a contemporizar máis o combate e, sempre controlando e moi vixiante, foi deixando correr o tempo ata o final do asalto. Isto foi aproveitado por Helviga para puntuar, pero en ningún momento tivo opción real de remontar (4-7).

 

O segundo round foi moi similar, cun novo inicio fulgurante da galega, que en menos de 20 segundos xa dominaba cun claro 0-6 no marcador. Nesta ocasión non houbo reacción da rival e Tania continuou ampliando diferenzas ata o 0-15 final, resultado co que o árbitro deu por rematado o combate.

 

Nos cuartos de final agardaba a alemá Lorena Brandl, campioa de Europa 2024 e medallista mundial. O primeiro asalto foi moi duro e táctico, cunha Tania máis activa que, aínda que o intentaba constantemente, non lograba puntuar. Finalmente perdeu o round por rexistros, cun 0-0 no marcador.

 

No segundo asalto, a nosa taekwondista volveu buscar o ataque e tratou de acurralar a Brandl, que esperaba tranquila e moi protexida atrás. O primeiro punto foi para a alemá tras unha caída de Tania, pero a galega reaccionou axiña cunha patada ao peto que lle daba vantaxe (1-2).

 

O combate avanzou sen demasiado perigo para ningunha das dúas competidoras, ata que Lorena logrou empatar a falta de 20 segundos ao sacar a Castiñeira da pista. A polémica chegou despois, co 3-2 sinalado polos árbitros ante a incredulidade de Tania e do equipo técnico español.

 

Así, Brandl conseguiu o pase ás semifinais sen lograr puntuar en acción ofensiva durante todo o combate. E posteriormente proclamouse campioa de Europa.

 

A pesar da decepción polo resultado final, Tania Castiñeira volveu demostrar que está entre as mellores taekwondistas de Europa. A galega asinou unha gran competición, competindo con personalidade e quedándose ás portas das medallas nun Europeo de máximo nivel.

 

Print Friendly, PDF & Email