Comezamos o ano 2022 coa celebración do Campionato Galego de Técnica e Freestyle. Será o domingo 9 de xaneiro no Pavillón Municipal de Calo (Teo) con preto de 140 inscricións e 24 árbitros. Será a primeira proba do ano 2022, despois do parón polo Nadal, e ademais é moi importante xa que outorga puntos para o ránking galego e é clasificatoria para o Campionato de España.
O torneo comezará ás 10:00 horas, coa disputa do Galego de Combate absoluto no que contamos con preto de 100 inscricións e no que poderemos gozar con grandes actuacións, xa que contamos coa participación de medallistas nacionais e internacionais. A partir das 13:00 horas dará inicio o Galego de Freestyle, con preto de 40 inscricións. Unha vez máis destacar o enorme nivel das e dos nosos taekwondistas, galardonados a nivel internacional.
O evento celebrarase cumprindo estritamente o protocolo FisiCovid-Deporte Galego. Todas e todos os asistentes deberán presentar certificación de vacinación coa pauta completa ou test de antíxenos negativo. Durante a celebración do Campionato todos os participantes (deportistas, árbitros e membros da organización) deberán ter sempre posta a máscara. Ademais, dada a situación actual, non se permitirá a asistencia de público.