O taekwondo galego volveu amosar o seu valor esta fin de semana! No Open de Albania houbo tres medallas con sabor galego. Tania Castiñeira (+73, Hebe) logrou a medalla de ouro, mentres que Pablo Patiño (-68, Patiño) e Alma Pérez (-57, Suh Sport) acadaron o bronce.

 

Tania, que está nun gran momento de forma, logrou o triunfo neste Open de Albania. Na semifinal superou a Nikolina Mesic (Croacia) no primeiro asalto e por KO, despois dun impacto na cabeza á croata, que lle fixo sangrar polo nariz e non puido seguir. Na final, a nosa deportista enfrontouse á Agoritsa  Kitsiou (Grecia) e venceu en dous asaltos e con magníficas sensacións. E así, medalla de ouro para Tania e máis puntos para o ranking mundial e a pensar no Grand Prix de China.

 

Pola súa banda, Alma Pérez competiu en Albania nun peso superior (-57), “co obxectivo de rodarme cara aos Grand Prix, porque son as deportistas que me atopo”. En oitavos de final  enfrontouse a unha taekwondista de Serbia e Alma gañou con facilidade. Nos cuartos citouse con unha deportista de Serbia, unha rival máis dura. No primeiro Alma gañou fácil, pero no segundo estivo moito máis apertado e caeu a favor da rival e no terceiro a galega pechou a vitoria con facilidade  (2-1). A semifinal foi contra a grega Faidra Kalteki, unha taekwondista moito máis experimentada e habitual nos Grand Prix e, a pesar de que o combate se resolveu en dous asaltos a favor de Kalteki, foi un combate moi axustado. Bronce para Alma.

 

E rematamos con Pablo Patiño (-68, Patiño) quen acadou a medalla de bronce. Comezou en oitavos de final fronte a Xapón, nun combate no que o galego foi superior. Nos cuartos eliminou a Zinedin Beqaj (Montenegro), nunha loita traballada e con historia, porque Pablo xa perdera con este taekwondista con anterioridade. No primeiro asalto logrou remontar un 7-0 en contra para finalizar vencendo. No segundo asalto, o galego impuxo o seu estilo e logrou o triunfo por 2-0. Na semifinal non puido con Konstantinos Chamalidis (Grecia), número 7 do mundo, e perdeu en dous asaltos, con Chamalidis tirando de táboas para impoñerse.

Print Friendly, PDF & Email