Tres medallas para Galicia no Campionato de España de Júnior de Pesos Olímpicos categoría feminina! Ainoha García (+63, Couto) logrou a medalla de plata, mentres que María Ferreiro (-49 quilogramos, Couto) e Aitana Fariña (-44, Maniotas) foron bronces.
Ainoha García librou no primeiro combate e xa entrou nas semifinais, onde venceu á representante de Castela a Mancha, nun competido combate. Comezou gañando de forma clara (6-1), pero nun par de despistes da galega, remontou a súa rival (6-8). Pero Ainoha non se rende nunca e volveu poñerse por diante para asegurar o seu pase á final (9-8). Neste último combate enfrontouse á deportista da Comunidade Valenciana, que se escapou no marcador no primeiro asalto, pero a galega logrou igualar. Xa non houbo resposta para o segundo arreón da valenciana, que logrou o título.
María Ferreiro gañou en primeira rolda á Andalucía de 20 puntos e caeu na semifinal ante Adriana Cerezo (Castela a Mancha), unha deportista que dentro duns días competirá no Campionato de Europa Absoluto coa selección española. Por último con respecto ás medallistas, sinalar que Aitana Fariña perdeu na semifinal ante Mónica Sardina.
Pola súa banda, Fátima Martínez (-63, Couto) perdeu ante Andalucía no punto de ouro, tras unha enorme remontada que fixo durante o combate. Mentres, Sara Soneira (-55, Boudsport) perdeu contra Cataluña, nun combate que estivo moi axustado no primeiro asalto, pero que se lle escapou no segundo.
Noraboa!!!