O sábado 30 de marzo (10:00 horas, entrada de balde) celebrarase no Pavillón de Santa Irene (Porto do Son) o Campionato Galego Escolar das modalidades de técnica e freestyle, que reunirá a 300 participantes das categorías benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil masculino e feminino. Ademais tamén contaremos coa participación de 40 árbitros, que serán os encargados de puntuar o traballo das e dos taekwondistas.
Na modalidade de técnica hai inscritos 270 deportistas das categorías benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil, mentres que no freestyle (infantil e cadete masculino e feminino) están inscritos 31 taekwondistas. O freestyle é unha modalidade que combina a técnica con coreografía, música e acrobacias, moi espectacular cara ao público.
Para participar na final, as e os deportistas tiveron que quedar na metade mellor clasificada nas fases provinciais, que se celebraron durante o mes de marzo cunha participación de case 600 deportistas. Esta actividade está incluída no programa do Deporte Escolar Xogade, desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo.