Catro medallas galegas na primeira xornada do Campionato de Europa de Técnica, Freestyle e Parapoomsae de Tallín! Beatriz Queiró proclamouse campioa de Europa en máster 3, os quintetos -17 e +18 acadaron a medalla de prata en freestyle e Tomás Fernández logrou a medalla de bronce en sénior 1, nunha loitadísima semifinal ante o número 1, Joel Van Der Weide.
A xornada arrincou co ouro de Bea Queiró en Máster 3! A galega eliminou en primeiro lugar á representante de Finlandia Sirpa Huuskonen e a final foi ante Sylvia Gringer (Austria), con triunfo para a galega que está a vivir un gran momento, despois do bronce mundial hai só uns meses. Falamos con ela e estaba feliz: “Competín moi ben, estiven segura e confiada, sabía que estaba ben adestrada e me encantou…”
Fantástico bronce de Tomás Fernández en sénior 1, que só quedou eliminado ante o holandés Joel Van Der Weide, número 1 do ranking europeo. Pero que ninguén pense que foi sinxelo para o favorito. Tomás tivo unha enorme actuación: Perdeu o primeiro poomsae por unha milésima e o segundo por unha décima. Antes de chegar as semis, Tomás eliminou en primeira rolda a Andreas Bruckl (Austria) e en segunda ao turco Yilmaz.
Freestyle
En freestyle competiron os dous quintetos e ambos subiron ao podio a colgarse a medalla de prata. En -17 anos, o quinteto galego formado por Nuria Rodríguez, Ana Llin Shin, Nadia Blanco, Lucas Yelo, Hugo Arnoso e Iván Pena logrou a prata cunha puntuación de 6,8. O ouro foi para Italia (7,2) e o bronce para Ucraína (6,1).
En + 18 anos, Ruben Galdó, Miguel Barreiro, Irea Abuin, Inés Abuín, Yaiza Velo e Pepe Soto forman o quinteto que acadou a segunda posición (7,1) moi preto do ouro, que recaeu en Italia (7,4). Os bronces foron para Turquía e Alemaña, por diante de Grecia e Ucraína.








