O taekwondo galego volveu facer un gran papel no Drácula Open, que se celebrou esta pasada fin de semana en Bucarest (Romanía). Houbo un ouro (Adrián Salanova) e dous bronces (Adrián Dávila e a júnior Tomasa Franco) neste torneo G1, todos eles viaxando cos seus clubs.

 

Adrián Salanova (-68, Maniotas) proclamouse campión do Drácula Open G1 na categoría sénior. O galego, que gañou os catro combates disputados, amosou o seu gran momento de forma vencendo aos seus rivais en dous asaltos.

 

Ao ser cabeza de serie nº1, librou a rolda de dezaseisavos. En oitavos desfíxose do representante romanés Alexandru Cristian Marin, e nos cuartos enfrontouse ao madrileño Javi Alcalá, ao que tamén eliminou sen necesidade de acudir ao desempate. En semifinais superou ao canadense Ali Hilal e, xa na final, venceu ao brasileiro Fillipe Almeida. Fantástica actuación de Adrián!

 

Adrián Dávila (-54, Kae Sport) viaxou a Bucarest xunto ao seu técnico Carlos Manzano, co obxectivo de avaliar o seu estado de forma antes do Europeo sub-21, que se celebrará do 11 ao 14 de decembro en Kosovo.

 

Comezou o torneo ante o romanés Erna Mihaly, ao que venceu con moita solvencia. Despois superou en dous asaltos ao subcampión de España Arnay (Canarias) e, xa na semifinal, caeu ante o grego Dernamis, nun combate moi técnico e de gran respecto mutuo, que se decantou a favor do rival, quen posteriormente acadou a medalla de ouro na categoría.

 

A terceira medalla galega foi para Tomasa Franco (-59, Natural), nunha categoría júnior de gran nivel. No primeiro combate, Tomasa gañou á representante de Finlandia, Milay Endah, en dous asaltos. A continuación, venceu á francesa Fátima Mendy, número 1 do ranking, en tres asaltos (2-1). Xa en semifinais, e nun axustado combate, perdeu por 2-1 contra a ucraína Kateryne Bohatyrova. Tamén foi unha excelente pedra de toque de cara ao Campionato de Europa Júnior, que se celebrará en Suíza do 19 ao 22 de novembro.

 

Ademais dos medallistas, houbo máis taekwondistas galegos e galegas competindo no Drácula Open, sumando experiencias, aprendizaxe e bo ritmo competitivo para a súa formación.

Print Friendly, PDF & Email