O taekwondo galego acadou tres medallas (un ouro e dúas pratas) no Open de Bélxica da categoría júnior.

 

O ouro foi para Roi Fraga (-73, Número Phi), quen realizou cinco combates en total para subir ao máis alto do podio. Arrincou a competición ante Mohammad Hosseini (Suecia), ao que superou en dous asaltos. Na segunda rolda venceu ao turco Ercan Berk Imamoglu. Nos cuartos de final enfrontouse ao alemán Simons Jeffrey, acadando o pase á semifinal, onde esperaba outro deportista xermano, Marius Henri Wolf, ao que tamén superou en dous asaltos.

 

Na final medíase co terceiro alemán do seu cadro, Philip Julian Weiss, no que foi o combate máis esixente, resolto en tres asaltos. Fantástico ouro para Roi Fraga.

 

Antón Quintero (-78, Kwon Betanzos) logrou a medalla de prata. Partía como cabeza de serie número 3, polo que quedou exento da primeira rolda, e disputou tres combates. No primeiro superou con autoridade ao británico Josiah Boreland. Nas semifinais enfrontouse ao belga Abdelwahid Debza, un vello coñecido e bronce no Europeo cadete, ao que venceu por 2-0, decidindo o último asalto por diferenza de puntos.

 

Na final agardaba o favorito, o croata Filipo Krnjaic. Antón tivo preto facerse co primeiro asalto, que finalmente caeu do lado croata por 8-6. No segundo, o competidor balcánico foi superior, deixando a Antón cunha merecida e moi traballada medalla de prata.

 

A segunda prata galega foi para Ángela Balado (+68, Mat’s), que gañou tres combates. O primeiro foi ante Magdalena Jukic (Alemaña), resolto en dous asaltos sen dificultades. No segundo eliminou á cabeza de serie número 2, Medina Zejneli (Suíza), novamente sen necesidade de disputar o terceiro asalto.

 

Na semifinal enfrontouse á francesa Jade Alexis, e a deportista do Mat’s volveu amosar un gran nivel, vencendo en dous asaltos. Na final esperaba Akon Baak (Australia), prata no Mundial cadete de 2023. Ángela, que o intentou todo, caeu finalmente en tres asaltos.

 

Viaxaron convocados pola Federación Galega de Taekwondo Ángela Balado (+68, Mat’s), Thiago Segade (-55, Natural Sport), Tiago Torea (-59, JFR), Roi Fraga (-73, Número Phi) e Antón Quintero (-78, Kwon Betanzos), ademais de Yago Sande (Maniotas), que participou cunha bolsa da Federación.

 

Esta competición tiña como principal obxectivo servir de preparación para o Mundial da categoría, no que participarán Thiago Segade, Ángela Balado e Roi Fraga, e tamén como premio á gran tempada realizada por Tiago Torea e Antón Quintero.

Print Friendly, PDF & Email