Galicia ocupou a primeira posición na clasificación xeral por equipos, trala suma dos resultados do Campionato de España de Combate da categoría masculina e feminina. Hoxe celebrouse o Campionato de España de Combate masculina no que Iván García logrou o ouro, Pablo Patiño a prata e Manu Parada, un bronce.

 

Iván García (+ 87, Mat´s) segue imparable nesta tempada excepcional. O galego venceu nos tres combates celebrados con moita comodidade para proclamarse así campión de España por terceiro ano consecutivo. O primeiro combate foi contra Borja Sánchez (Aragón) e venceu sen dificultade (30-10) e na semifinal enfrontouse a Julián Pérez (Andalucía), loita que superou sen problemas. A final foi contra o catalán Genis Gilbert e novamente o galego controlou o combate de principio a fin para sumar unha nova vitoria (23-1).

 

En -68, Galicia tivo dúas medallas. Pablo Patiño (Patiño) acadou a medalla de prata. Patiño eliminou ao madrileño Diego Librado en cuartos de final nun combate moi cómodo por 11-2. En semifinais o rival era Adrián Pam (Canarias) e novamente Pablo venceu de forma clara. E na final esperaba Marcos Caballero (bronce europeo e 27 no ranking olímpico). Foi un combate precioso e axustado que se lle escapou no último segundo ao noso deportista (8-9). Neste peso tamén participou Manu Parada (Natural Sport), que logrou o bronce tras superar a Abdouni Abdelhamid (Comunidade Valenciana) por 6-9, e eliminar nos cuartos de final a Adrián Villa (Castela a Mancha). Na semifinal Marcos Caballero freou a marcha de Parada, que tivo que conformarse co bronce.

Print Friendly, PDF & Email