Chegan as primeiras novas de Tallin, onde xa comezou a President´s Cup coa categoría cadete. E as noticias son moi boas! Thiago Segade (-49, Natural Sport) logrou a medalla de prata e así acadou tamén a clasificación para o Europeo Cadete que se celebrará en Tirana do 31 de outubro ao 2 de novembro. Ademais, Daniel Abeijón e Antón Quintero conseguiron o bronce.
A selección galega estaba formada por Thiago Segade (-49, Natural Sport), Daniel Abeijón (-37, Natural Sport) e Andrea Rodríguez (-47, Garrapucho). Thiago fixo un torneo excepcional vencendo en tres combates para plantarse na final. En primeira rolda superou a Michael Bazan Mayan (España) en dous asaltos e de forma clara; nos cuartos venceu a Mateusz Fijalkowski (Polonia) tamén con superioridade e na semifinal deu boa conta do alemá Leon Ilbertz. A final, ante o ucraíno Mykhailo Kopieikin, e estivo tremendamente igualada e o ouro decidiuse no último segundo, nunha acción con xiro do rival, que lle permitiu vencer no último suspiro. Fantástico papel de Segade!
Pola súa banda, Daniel Abeijón (-37, Natural Sport), tamén logrou vencer tres combates en dous asaltos, nun peso con 24 competidores. Arrincou a competición ante o polaco Mateusz Zimon; posteriormente venceu ao español Óscar Navarro e nos cuartos de final ao ucraíno Taras Rabchuk. Na semifinal Dani enfrontouse a Yosef Darid Aulaqi (Dinamarca), un duro rival, que superou ao galego e que finalmente logrou a medalla de ouro na President´s Cup.
Andrea Rodríguez (-47, Garrapucho) gañou o primeiro combate ante Karin Ekstrom (Finlandia) en dous asaltos, pero perdeu na seguinte rolda ante Maelle Yembi (Francia), unha rival moi dura e esixente.
Ademais, o Kwon Betanzos viaxou con tres deportistas: Arianna Deibe (-44), Julia Gómez (-41) e Antón Quintero (+65), e este último, logrou o segundo bronce galego. Antón perdeu na semifinal ante Grigorios Bozinis (Grecia) e non puido meterse na final para acadar a clasificación para o Europeo Cadete.
Noraboa a todas e todos!!!