Víctor Videla (-37, Natural Sport Riveira) pechou a súa magnífica tempada cun subcampionato de Europa, no torneo celebrado hoxe en Malta. O galego volveu a brillar con luz propia e fixo un Campionato de Europa excepcional. Venceu en todos os combates ata a final por 2-0 e na loita polo ouro, so caeu por rexistros, nunha loita tremendamente igualada. Tamén participaron Nadia Bouzas e Lucía Salanova, pero non subiron ao podio e a árbitra internacional galega María Bautista.

 

A competición de Videla comezou ante Matas Janusauskas (Lituania) ao que superou con claridade en dous asaltos. A continuación, esperaba o sueco Kebar Telahun e novamente Víctor fixo un gran traballo para impoñerse en dous asaltos, sen dar opción ao rival. Na semifinal o rival era o italiano Nicolo Sevagian, un fantástico competidor que non puxo as cousas nada sinxelas ao noso taekwondista. Pero como en el é habitual, Videla estivo moi tranquilo e volveu impoñerse en dous asaltos.

 

Na final espera un vello coñecido, o taekwondista de Azerbaián Ilyas Hatamli, co que se enfrontara no Mundial cadete en Sofía este verán. En aquel momento foi o galego o vencedor da loita pero hoxe o resultado foi ao revés. Iso si, en ambos casos foron dous fermosos e competidos combates. No primeiro asalto impúxose o deportista de Azerbaián, pero no segundo foi Víctor o que venceu, de forma que o campión de Europa ía decidirse no terceiro e último asalto. E aquí houbo empate (6-6), polo que o vencedor foi o taekwondista de Azerbaián por rexistros. Fantástica medalla de prata para Videla, que pecha unha tempada excepcional, na que lidera o ranking europeo e mundial.

 

Tamén participaron no Europeo Cadete, as galegas Nadia Bouzas (-41, Kae Sport) e Lucía Salanova (-51, Maniotas). Nadia superou o primeiro combate, eliminando a unha representante da Comunidade Valencia en dous asaltos, pero caeu ante a representante de Finlandia.  Foi un combate moi axustado, no que Nadia venceu no primeiro asalto, pero caeu nos dous seguintes.

 

Pola súa parte, Lucía Salanova foi eliminada pola alemá Tugre Nigdeli, nun axustado combate. Ambas competiron ben, pero lles faltou xestionar mellor cando ían por diante do marcador, algo que irán aprendendo coa competición, claro está.

Noraboa para os tres!!

Print Friendly, PDF & Email