O galego Víctor Videla (-37, Natural Sport Ribeira) quedou ás portas da medalla no Mundial Cadete que se está a disputar en Sofía (do 28 ao 31 de xullo). O taekwondista galego logrou vencer en tres combates, para caer nos cuartos de final ante o representante de Grecia.
Videla comezou o campionato ante Sudán e o deportista do Natural esqueceu a presión de competir nun Mundial para impoñerse de forma clara e avanzar á segunda rolda. Alí esperaba o representante de Australia e Víctor estivo a un magnífico nivel, para dar un pasiño máis no Mundial Cadete.
Nos oitavos de final durísimo rival para Videla, xa que se enfrontou ao taekwondista de Azerbaián. Foi unha loita moi intensa, na que o galego tivo que sacar toda a coraxe para vencer a un complicado rival. E así logrou plantarse nos cuartos de final, na antesala das medallas, onde esperaba o representante de Grecia. Víctor comezou moi ben, pero o grego foi de menos a máis para lograr impoñerse e acadar o pase ás semifinais do Mundial.
Tremendo o esforzo e o traballo realizado por Víctor Videla que superou tres roldas no Campionato do Mundo Cadete. Hai que destacar que a continuación (do 2 ao 7 de agosto) celebrarase o Mundial Júnior, no que contaremos coa participación de tres galegos: Noa Romero (-46, Natural Sport), Adrián Salanova (-68, Maniotas) e Sergio Troitiño (+78, Mat´s).