Ainoha García, Sergio Troitiño (ambos ouros) e Adrián Salanova (prata) acadaron a clasificación para o Europeo sub 21 e para o Europeo Júnior de pesos olímpicos. Hoxe celebrouse a primeira xornada da categoría júnior dos Multi European Games de Sofía e Galicia sumou un total de cinco medallas (dous ouros, unha prata e dous bronces).

 

Sergio Troitiño (+78, Mat´s) conseguiu a medalla de ouro tras facer catro  magníficos combates. En primeira rolda enfrontouse ao italiano Antonio Gerrone, e o galego venceu por 17-12. Posteriormente tivo como rival ao checo Jiri Stastny e Troitiño foi sumamente contundente (8-19). Na semifinal tivo como rival ao polaco Wiktor Pajdzik e unha vez máis, o galego non deu a máis mínima opción ao seu contrincante (20-6). Na final esperaba o serbio Mitar Maklenovic, pero Sergio non titubeou e continuou coa mesma concentración e seriedade que o resto do torneo para finalizar cun expresivo 13-4 e a medalla de ouro ao peito.

 

O outro ouro galego foi para Ainoha García (-68, Couto), que venceu na primeira rolda á grega Anna Maria Tziouma (19-2) e posteriormente a Sandic Zorana (9-4). Na semifinal tivo como rival á francesa Khalida Haddad e foi un combate bastante axustado, pero no que a galega soubo conservar a súa vantaxe. Na final, non houbo discusión algunha. Ainoha foi tremendamente superior á checa Izabela Ranecka (1-21) e logrou así subir ao máis alto do podio.

 

O terceiro clasificado para o Europeo foi Adrián Salanova (Maniotas), que logrou a medalla de prata en -68 quilogramos. No primeiro combate superou ao grego Ilias Chouridis nun axustado e fermoso combate (13-15). Nos cuartos venceu ao turco Kadir Santas con claridade (24-36) . A semifinal contra o esloveno Lin Kovacic foi dura e competida, tanto que se decidiu no punto de ouro e aí o noso deportista foi mellor (-12). E na final, enfrontouse co alemán Phillip Davids e novamente ofrecéronnos una loita moi equilibrada e fermosa que se decidiu por só un punto a favor do alemán. Magnífica actuación do galego!

 

En -50 quilogramos Samuel Meilán (Tao) acadou a medalla de bronce tras vencer en tres combates. Eliminou en primeira rolda a Bozhidar Zlatanov (Bulgaria) de forma moi clara (6-23)e na segunda ao alemán Yagiz Dersim Ulusoy (27-18). Nos cuartos de final tivo como rival ao italiano Valentino Volante e o noso competidor volveu a ser moi superior (10-23) para plantarse nas semifinais dos Multi Games. Buscando o pase para a final tivo como rival a Omer Faruk Dayioglu e Samu non atopou a fórmula para superar ao turco, que foi finalmente o campión deste torneo.

 

O segundo bronce foi para Nuria Cernadas (+68, Natural Sport) que logrou a medalla ao superar nos cuartos de final á francesa Rahma Imam (2-5). Na semifinal enfrontouse á que sería finalmente a medalla de ouro dos Multi Games, a Zehra Begum Kavukcuoglu, e a nosa taekwondista non tivo opción fronte a potente turca.

Print Friendly, PDF & Email