Fantástica actuación das e dos taekwondistas galegos no Open de Polonia, celebrado esta pasada fin de semana, cun balance dunha medalla de ouro, dúas de prata e unha de bronce. Iván García (+87, Mat’s) proclamouse campión; Helena García (-73, Dobok) e Alma Pérez (-53, Costado TKD Boiro) lograron a prata, mentres que Carla Sesar (-57, Natural Sport) conquistou o bronce.
Iván García volve ao máis alto
O regreso á competición de Iván García non puido ser mellor. O deportista do Mat’s, que volveu a competir hai unha semanas trala lesión sufrida no Europeo de Múnic, protagonizou unha gran actuación na categoría de +87 quilos para facerse co ouro nunha competición de alto nivel.
Nos cuartos de final, Iván superou ao polaco Zbigniew Jabonski nun combate moi intenso. O galego tivo que traballar ao máximo ante un rival de gran envergadura. Tras un primeiro asalto moi axustado, no que se impuxo o polaco, Iván reaccionou con claridade no segundo e levou o combate ao terceiro. O desenlace non puido ser máis emocionante, xa que a vitoria se decidiu no último segundo a favor do galego (2-1). Sen dúbida a rolda máis complicada para García.
Na semifinal agardábao o israelí Poya, deportista refuxiado que chegaba á loita tras eliminar previamente a Sergio Troitiño. Iván volveu precisar dos tres asaltos para conseguir a vitoria. De novo, o rival comezou por diante, pero o galego foi quen de reaccionar e mostrouse moi superior nos dous seguintes asaltos para asegurar o seu pase á final.
Na loita polo ouro, Iván enfrontouse ao bielorruso Artes Plonis. A final seguiu un guión semellante ás roldas anteriores: Plonis adiantouse no primeiro asalto, pero Iván impuxo o seu taekwondo a partir dese momento e conseguiu darlle a volta ao combate para proclamarse campión do Open de Polonia.
Dúas pratas de gran nivel
Tamén subiu ao segundo chanzo do podio Helena García (-73, Dobok). A galega iniciou a súa participación derrotando en dous asaltos e sen excesivos problemas á ucraína Mariia Tymofieieva.
Nas semifinais superou á cabeza de serie número 3, a húngara Iveta Juhaszova, para acceder á final. Na loita polo ouro, Helena cedeu ante a olímpica Sude Uzuncavdar nun combate moi igualado que precisou dos tres asaltos. Unha excelente prata nunha importante cita internacional para a deportista galega.
Pola súa banda, Alma Pérez (-53, Costado TKD Boiro) completou unha magnífica competición con catro combates e tres vitorias antes de facerse coa medalla de prata.
A galega superou nos oitavos de final á ucraína Zlatoslava en dous asaltos e con bastante comodidade. Nos cuartos derrotou á británica Elisha Shaw, tamén en dous asaltos, nun combate algo máis axustado pero no que Alma mantivo sempre o control.
Nas semifinais chegou un dos grandes momentos da súa competición, ao superar con claridade (2-0) á cabeza de serie número 1, a polaca Matylda Szymczak. Na final, Alma enfrontouse á turca Sila Irmak Uzuncavdar, ante a que cedeu en dous asaltos moi igualados.
Carla Sesar, bronce tras unha gran competición
A cuarta medalla galega chegou da man de Carla Sesar (-57, Natural Sport), que conquistou o bronce despois de superar dúas roldas antes de caer nas semifinais.
Carla iniciou a competición cunha vitoria en dous asaltos ante a grega Kyriaki Michalopoulou. Nos cuartos de final volveu impoñerse por 2-0, desta volta fronte á mexicana Fabiola Villegas Machorro, asegurando así a súa presenza no podio. Na semifinal, a galega enfrontouse á italiana Ana Frassica nun combate moi igualado que se decidiu no terceiro asalto. Carla non puido acceder á final, pero pecha a súa participación cunha importante medalla de bronce nunha competición internacional de gran nivel.
Con estes resultados, o taekwondo galego volve deixar a súa pegada nunha importante cita internacional, con catro deportistas no podio e un balance de catro medallas: un ouro, dúas pratas e un bronce.








