Iván García (+87, Mat´s) acadou a medalla de ouro no Open de España sénior, que se celebrou onte en La Nucia. O outro metal galego foi para Tania Castiñeira (+73, Hebe) que logrou a medalla de bronce. Foi un open dunha calidade espectacular, xa que houbo unha gran participación (máis de 500 deportistas) porque se poñía en proba o novo regulamento e os deportistas querían coñecelo.
Fantástica actuación de Iván García que non perdeu nin un asalto en todo o campionato. Neste Open comezou ante Jorge Murillo (Aragón) e Iván superouno gañando o primeiro asalto, empatando o segundo e vencendo con autoridade no terceiro, no que abandonou Murillo. Nos cuartos de final, enfrontouse ao olímpico Seidou Gbane (Costa de Marfil) e o galego venceu en dous asaltos, nun combate moi controlado polo noso competidor.
En semifinais superou ao representante de Líbano, Ray Rahye, novamente en dous asaltos e con claridade, para así chegar a final ante Ayoub Bassel (Marrocos), no que foi o combate máis igualado e tenso, aínda que finalizou con vitoria galega en dous asaltos.
Pola súa banda, Tania Castiñeira logrou a medalla de bronce e superou a Belén Morán, nesta dura competición por ocupar a primeira posición do ranking nacional cara ao Europeo. Tania venceu nos cuartos de final a Toka Shaaban (Exipto) en dous asaltos e avanzou así ás semifinais, onde esperaba a representante turca Nafia Kus, número 1 do ranking, que foi finalmente a campioa do Open de España. Tania caeu en tres asaltos, ao empatar o primeiro e perder os dous seguintes, aínda que de forma axustada.
Ademais, preto das medallas quedaron Alma Pérez (-53, Suh Sport) e Desiree Rivadulla (+73, Suh Sport), que perderon nos cuartos de final. Alma superou dúas roldas e caeu nos cuartos ante a campioa olímpica Panipak Wongpattanakit (a deportista que venceu a Adriana Cerezo en Tokio), nun axustadísimo combate no que Alma puxo a campioa contra as cordas. Panipak, por suposto, levou o ouro.
En xeral moi boa actuación das e dos nosos deportistas nun Open dun altísimo nivel, con taekwondistas de máis de 70 países que querían probarse ante o novo regulamento e apurar todas as opcións de clasificación cara ao Europeo sénior de Manchester.