Tres ouros, tres pratas e cinco bronces. Este é o botín dos taekwondistas galegos no Open de España da categoría júnior, que se celebrou hoxe en La Nucia. Así Galicia dominou na clasificación por equipos: Foi primeira na categoría masculina e na xeral e segunda, na feminina.

 

Ouro para Adrián Salanova (-68, Maniotas) que fixo un gran campionato, vencendo 4 combates. Superou a Jorge Hernández (Comunidade Valenciana); Yandric Nguilla (Francia); Abraham Rastrero (Federación Andaluza), para chegar a gran final ante Ben Avidan (Israel). Salanova pechou a súa competición cun inequívoco 8-1.

 

Pola súa banda, Sergio Troitiño (+78, Mat´s) logrou proclamarse campión do Open de España. Gañou na semifinal a David Rodríguez (0-5) e na final superou a Kevin Brink (Suecia) por 3-0.

 

En -63 quilogramos, prata para Mateo Boudjenane (BoudSport), que caeu na final ante o francés Nathan Jules (4-11). Antes venceu a Nilo Bermúdez (Kwon Betanzos); Tomás Fernández (Federación Catalá) e Jorge Millán (Federación de Murcia).

 

Iago Mallo (-78, Tao), acadou a medalla de bronce, tras vencer nos cuartos de final a Gabriel Arpe (Cataluña) con claridade. Na semifinal caeu ante Mikel Fernández, que foi o campión, nun combate tremendamente igualado.

 

Na categoría feminina, 1 ouro, dúas pratas e  catro bronces. O ouro feminino galego foi para Noa Romero (-46, Natural Sport), que non notou o cambio de categoría a júnior. Noa venceu nos cuartos de final a Guacimara Delgado (12-0), na semifinal a Hanne Waerzeggers (Bélxica) por 9-3 e na final a Elien Rabaut (Bélxica) por 10-6.

 

En -59, dobrete galego. Tania López (Patiño) logrou a medalla de prata, mentres que Carme Santamaría (Natural Sport) foi bronce. Tania superou de forma clara tres roldas (a francesa Leane Brozat, Carolina Cabello e a croata Dora Mestrovic) e só caeu derrotada na final ante Luana Martón. Pola súa banda, Carme gañou ás francesas Alexana Fournier e Elea Desnoyers. Caeu tamén ante a campioa Luana Martón.

 

Tamén tivemos dobrete no peso pesado, cunha prata (Inés González) e un bronce (Helena García). Inés González (Polc) superou a Yasmina Deniz (Andalucía) por 0-14 en cuartos e na semifinal a Julia Fernánez (Cataluña), nun combate máis axustado (4-5), Perdeu na final ante Irene Panos (Madrid) por 0-3. Helena (Dobok) gañou nos cuartos a Ainhoa Pastor (11-0) e perdeu na semifinal ante Irene Panos por 0-2.

 

Antía Sánchez (-68, Mace Sport) logrou o bronce, tras vencer nos cuartos de final a María Abril Viqueira (BoudSport) por 1-5. Na semifinal caeu ante a catalá Alba Murillo (1-4).

 

En -55 quilogramos, bronce para Iria Seijo (Patiño Moaña) que viaxaba co seu club. Iria fixo unha estupenda competición vencendo en tres combates (Azahara Treto, Lisbeth Mahesh e Rut Sanz). Caeu na semifinal ante Neve Mcphillie (Gran Bretaña).

Print Friendly, PDF & Email