A taekwondista galega Alma Pérez (-53, Suh Sport) acadou a medalla de bronce nos Xogos Mundiais Universitarios, que se están a celebrar estes días en Chengdu (China).

 

Alma venceu na primeira eliminatoria á representante de Japón Yuzuho Katoh en dous asaltos e posteriormente, nos cuartos de final, superou á Gabriela Briskarova (Eslovaquia) tamén con facilidade (2-0). Xa tiña a medalla asegurada e agora tocaba afrontar o tramo final da competición. Pero na semifinal, ante Po-ya Su (China Taipei), a nosa taekwondista caeu eliminada e non puido seguir avanzando. Medalla de bronce para Alma!

 

Ademais, hai que destacar a participación de  Desiree Rivadulla (+73, Suh Sport) e de Irene Montemuíño (-62, Natural Sport Riveira). Desi Rivadulla superou en tres asaltos a nixeriana Olateju na primeira rolda e caeu en cuartos contra Anahita Tavakoli  (Irán), que finalmente logrou a medalla de prata.

 

Pola súa banda, Montemuíño perdeu na primeira rolda ante a representante de China Taipei, Shao-hsuan Chiu. No segundo asalto, a galega estivo na loita ata o final, tratando de forzar o desempate, pero no puido. A china venceu nos cuartos á número 1 do ránking e logrou a medalla de bronce.

Print Friendly, PDF & Email