Tres medallas con sabor galego na President´s Cup sénior de Tallin! Tania Castiñeira (+73, Hebe) logrou a medalla de ouro; Sergio Troitiño (-87, Mat´s) foi prata e Arlet Ortiz (-57, Mat´s), bronce. Onte celebrouse a competición sénior e Galicia estivo representada tanto con deportistas que viaxaban coa selección nacional, como cos que viaxaban coa Galega ou aqueles que ían co seu club.
O ouro foi para Tania Castiñeira que segue nun momento de forma excepcional. A galega superou en cuartos de final a Viktorija Helviga (Letonia) en dous asaltos e ambos con moita superioridade (o primeiro 6/0 e o segundo 11/2).
Na semifinal enfrontouse á polaca Aleksandra Kowalczuk e novamente gañou en dous asaltos, de forma rápida, seria e contundente (8/5 e 11/2). A final sería fronte á tamén polaca Dagmara Haremza, á que Tania gañara no Open de España, pero Haremza non se presentou polo que o ouro foi para Tania.
Sergio Troitiño, cabeza de serie número 5, venceu no primeiro combate ao mexicano José Pastor en dous asaltos e con moita claridade (12/0 e 15/2). En cuartos, enfrontouse ao polaco Adrian Wojtkwoviak (cabeza de serie número 4) e novamente o galego resolveu en dous cómodos asaltos (15/4 e 11/2) para lograr así o pase á semifinal, onde esperaba o rival máis duro do peso: O chino Mingkuan Meng, actualmente número 5 do mundo no seu peso. Pero Troitiño seguiu o seu ritmo e volveu vencer en dous rounds e sen pasar apuros (13/4 e 9/7). Xa metido na final e coa clasificación directa para o Europeo sub 21, o galego decidiu retirarse, xa que tiña tocada a tibia e considerou, xunto co adestrador, que o mellor era parar pensando xa no Campionato de Europa Absoluto que se celebra dentro dun par de semanas. Prata para Troitiño!
Tania e Sergio viaxaban coa selección española, pero ademais, en Tallin tamén estaban como membros da selección galega Arlet Ortiz (-62, Mat´s); Silvia Otero (-49, Mat´s) e Yadira Reimúndez (-57, Mat´s), acompañadas polo técnico Cristóbal Boudjenane.
Arlet Ortiz (Mats) sumou un fantástico bronce en -62 quilogramos. Venceu en primeira rolda a Jarina Volosina (Letonia) en dous cómodos asaltos, para seguir avanzando cara á segunda rolda once superou a Mariia Labuzova (Ucrania) onde tivo que sufrir un pouco máis, xa que o combate se foi aos tres asaltos, pero con vitoria galega. Nos cuartos de final esperaba a numero 1 do torneo, Karoline Gjelsvik (Noruega) e novamente Arlet fixo un traballo excepcional, moi concentrada, para meterse nas semifinais en só dous asaltos. No penúltimo chanzo para chegar á final, a rival era a china Zongshi Luo, campioa do mundo e campioa asiática, e aquí se puxo punto e final ao fantástico torneo de Ortiz. A china gañou en dous asaltos e, por suposto, se fixo coa vitoria na President´s Cup, sen perder nin un só asalto.
Pola súa banda, Silvia Otero (-49. Mat´s) venceu en primeira rolda a Gesthimani Georgiadou (Grecia) en tres asaltos (1-2) e cae una segunda ante a croata Bruna Duvancic, cabeza de serie número 1 do torneo, que finalmente foi prata.
Ademais, Yadira Reimúndez (-57, Mat´s) perdeu en primeira tolda fronte á polaca Julia Sereda en dous asaltos.