A Federación Galega de Taekwondo contará con catro representantes no Campionato de Europa absoluto, que se celebrará do 9 ao 12 de maio en Belgrado. Tania Castiñeira (+73, Hebe), Iván García (+87, Mat´s), Alma Pérez (-53, Suh Sport) e Sergio Troitiño (-87, Mat´s) serán os taekwondistas galegos que disputarán o Europeo, despois de lograr a súa clasificación para esta cita en base aos resultados acadados durante a tempada. Todos eles son o número 1 do ranking español dos seus respectivos pesos.
Os primeiros en competir serán Tania, Alma e Sergio, que xa se atopan en Belgrado e que no día de hoxe realizarán a súa pesada. A competición será mañá 10 de maio, mentres que Iván terá que esperar ata o domingo, último día do Europeo.
Para Troitiño é o seu primeiro Europeo Sénior así que afronta a cita “con moita ilusión e ganas xa que é a primeira vez que estou nun Europeo sénior. O meu obxectivo é facelo o mellor posible e desfrutar ao máximo”. Sergio acadou magníficos resultados nas categorías inferiores (bronce no Mundial e Europeo Júnior), e no seu primeiro ano participando na competición sénior, tamén está a conseguir podios nas súas participacións internacionais. Sergio arrincará o Europeo ante o gañador da eliminatoria entre Farzad Mansouri e Kelen Bailey.
Pola súa banda, Alma Pérez e Iván García xa teñen experiencia e medallas no Campionato de Europa. No de Manchester 2022, Alma e Iván lograron a medalla de prata. Alma non chega no seu mellor momento, -“veño co posto”-, pero si está disposta a morder e loitar ao máximo. A galega enfrontarase a gañadora do combate entre a ucraína Sofiia Khobtar e a cripriota Nagia Kaourtishi.
Tania Castiñeira tamén ten moita experiencia internacional, pero aínda non puido subir ao podio nun Europeo sénior, así que en Belgrado espera facelo, sobre todo porque se encontra nun gran momento de forma e con moita confianza. “Afronto o campionato con moita ilusión e moitas ganas, xa que nos últimos campionatos me foi moi ben”, afirmou. A súa primeira rival será a grega Agoritsa Artemia Kitsiou.
Iván García, que compite o domingo, recoñece que non está ao cento por cento: “A pesar de que non chego como outras veces, si que penso que estou en condicións de loitar polas medallas e se é posible, polo título. A desfrutar da experiencia e a intentar gañalo”, concluíu.