O pavillón municipal de Pontevedra acollerá esta fin de semana o XXVII Open Internacional de Taekwondo Cidade de Pontevedra, unha das citas máis destacadas do calendario autonómico e nacional, que contará coa participación de 978 deportistas pertencentes a 75 clubs de España, Portugal e Colombia.
O campionato, organizado polo Club Mace Sport en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo, o Concello de Pontevedra e o Servizo Provincial de Deportes, desenvolverase durante os días 2 e 3 de novembro e reunirá a taekwondistas de todas as idades e categorías.
Esta semana celebrouse a presentación do evento no Concello de Pontevedra, coa participación do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira de Deportes Anabel Guliás, o vicepresidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Rafael Domínguez; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides; o director de zona Pontevedra Metropolitana de Abanca, José Luis Ramírez Matos; e a vicepresidenta da Federación Galega de Taekwondo, Noelia Pérez.
Novidades tecnolóxicas e categoría “Lendas”
O Open Cidade de Pontevedra será pioneiro en España na utilización dos puños electrónicos do sistema GEN3, de DAEDO, empresa oficial dos Xogos Olímpicos. Dous técnicos da compañía desprazaranse a Pontevedra para garantir o correcto funcionamento deste innovador sistema. Dende o inicio, este torneo foi innovador e iso puido verse en que foi ” dos primeiros en introducir no seu momento o peto electrónico”, lembrou na presentación do evento a vicepresidenta da Federación Galega de Taekwondo, Noelia Pérez. E agora deron un paso adiante, tal e como contou o dirixente do Mace, Miguel Cortegoso, “vaise a utilizar por primeira vez en España o sistema GEN3”, que conta cun sensor de puños integrado”.
Outra das grandes novidades será a creación dunha nova categoría denominada “Lendas”, na que competirán deportistas históricos do club anfitrión, todos antigos campións de España, que se adaptarán ás novas normativas de combate.
A competición contará tamén con sistema de vídeo-reclamación con catro cámaras, o mesmo equipamento utilizado nas Olimpiadas, e será retransmitida en directo por YouTube, con marcador en tempo real.
Este ano houbo unha menor participación, sobre todo porque nesta edición se tivo que separar a modalidade de técnica, ao coincidir en sábado o día festivo e ter entón un día menos de competición. Por iso, optouse por adiantar a técnica, que se celebrou en setembro, con 600 participantes.
Datos e horarios
A competición conta cun total de 978 inscricións, das cales o 55% corresponde á categoría masculina e un 45% de mulleres, divididas nas diferentes categorías: 115 inscricións na categoría absoluta; 81 en infantil; 112 en precadete, 256 en cadete, 174 en júnior e 15 en máster. Tamén participarán 60 árbitros e 165 adestradores.
O campionato comezará o sábado ás 9:00 horas, con categorías infantil, máster, júnior masculino, absoluto masculino e lendas. A partir das 16:00 horas, será a quenda das categorías precadete, júnior feminina e absoluto feminino.
O domingo, desde as 9:00 horas, será a quenda dos cadetes.
As xornadas da pesada e acreditación celebraranse o venres 31 de outubro, distribuídas en sete sedes diferentes, cun innovador sistema por videoconferencia.








