O taekwondo galego volveu deixar a súa pegada nunha cita internacional de máximo nivel. Na Presidents Cup Nuremberg 2026, houbo hoxe tres medallas para deportistas galegos, grazas ás pratas de Sergio Troitiño (+87, Mat’s) e Tania Castiñeira (+73, Hebe), e ao bronce de Helena García (-73, Dobok).
Sergio Troitiño (+87 kg, Mat’s) acadou a medalla de prata despois dunha gran actuación nun cadro moi complicado. O galego iniciou o torneo superando ao alemán Kerim Kuecueksungur en dous asaltos. Na seguinte rolda non tivo rival por non presentarse Iván García, que continúa recuperándose da lesión sufrida no Campionato de Europa.
Nos cuartos de final chegou un combate máis igualado ante o incómodo Kelen Bailey (Hungría), que obrigou a Sergio a empregarse ao máximo para conseguir a vitoria en tres asaltos.
Na semifinal esperaba o croata Iván Sapina, un rival experimentado e moi perigoso. Sergio realizou un enorme combate, dominando a loita e conseguindo o pase á final tras vencer en dous asaltos. Xa na final, ante o turco Huseyin Berat Demircioglu, o galego comezou impoñéndose no primeiro asalto. O combate decidiuse nun terceiro round moi axustado (13-12), no que Sergio foi por diante no marcador durante moito tempo.
A pesar de competir con molestias na súa perna dereita e no peso pesado, o deportista galego realizou unha gran actuación e pechou a competición cunha merecida medalla de prata.
Tamén foi prata Tania Castiñeira (+73 kg, Hebe), que protagonizou un gran torneo e chegou ata a final, onde se mediu á campioa de Europa Lorena Brandl.
A galega comezou a competición superando á alemá Illayda Kurkac en dous asaltos. Na seguinte rolda foi moi superior ante a rusa Kristina Adebaio, outra rival de gran nivel, conseguindo tamén a vitoria en dous rounds Na semifinal, Tania venceu á croata Magdalena Matic (2-0) para acceder á loita polo ouro.
Na final, Castiñeira plantou cara en todo momento nun combate moi igualado que acabou caendo do lado da alemá por 2-1. Un novo podio internacional para unha deportista galega que continúa entre as mellores da súa categoría.
Pola súa banda, Helena García (-73 kg, Dobok) conseguiu a medalla de bronce, confirmando o seu gran momento deportivo.
A galega iniciou o torneo cunha vitoria ante Andela Berisaj (Montenegro) por 2-0 e nos cuartos de final superou con solvencia á española Belén Morán (2-0), a súa competencia directa en España. Na semifinal tivo enfronte á actual número 1 do ranking olímpico, Sarah Chaari, nun combate de máxima dificultade.
Este novo podio internacional confirma o espectacular crecemento de Helena, que conseguiu subir ao caixón en todas as competicións internacionais disputadas neste 2026.
Participación galega tamén en -54 kg
Na categoría masculina de -54 kg participaron dous representantes galegos. Javier Otero (Natural Sport) caeu na primeira rolda ante o tunisiano A. Lendoubi, mentres que Adrián Davila (Kae Sport) perdeu tamén no seu primeiro combate ante o turco Hasan Yaz (2-0).








