Esta fin de semana celebrouse en Bucarest o Dracula Open (categoría G1) coa participación de varios clubs galegos (Mat´s, Natural Sport, Dobok, Hebe e Kae Sport) e varios metais no peto ao remate. As e os nosos deportistas sumaron un ouro, unha prata e catro bronces neste prestixioso Open, que da puntos para o ranking mundial.
Na categoría júnior houbo un ouro, unha prata e un bronce para taekwondistas galegos. O ouro foi para Adrián Davila (Kae Sport) en -45 quilogramos. Davila regresaba á competición despois dunha lesión dun mes e non o puido facer con mellor pe. Librou a primeira rolda por ser cabeza de serie e nos cuartos de final enfrontouse ao romanés Andrei Sarbu. O galego foi moi superior e resolveu en dous asaltos, con diferencia de 12 puntos en ambos. En semifinais loitou contra o francés Haddad Owen e, novamente, recital galego. Na final atopouse cun vello coñecido e compañeiro da selección española, Jairo Agenjo. Aquí si que houbo miga. O primeiro asalto foi para Adrián, pero no segundo impúxose Jairo para lograr o desempate. O terceiro decidiuse nos últimos segundos a favor do galego cunha patada a cabeza con xiro, para rematar ao grande.
Neste mesmo peso, Víctor Videla (Natural Sport) logrou a medalla de bronce. O deportista do Natural venceu nos oitavos de final a Lesili Bartelsen (USA) en dous asaltos e na semifinal eliminou ao grego Dimitrios Triantafyllakis, tamén con claridade e superioridade. Na semifinal, Videla tivo como rival ao español Jairo Agenjo e non houbo tregua nesta loita, que se decidiu en tres asaltos e con sufrimento. Ao final, triunfo fe Agenjo e bronce para Víctor Videla.
Tomasa Franco (-52, Natural Sport Ribeira) logrou a medalla de prata tras facer catro combates. Na primeira rolda enfrontouse a Anamaría Cristecu (Romanía) e Tomasa venceu con claridade en dous asaltos. Nos cuartos, superou, tamén en dous rounds, a Lily Moy (Gran Bretaña), para chegar ás semifinais onde deu boa conta da belga Leyla Mansouri (2-0).
Na final, que foi moi axustada a pesar de decidirse en dous asaltos, caeu derrotada ante Kateryna Stupak (Ucraína), polo que volve a casa cunha fantástica medalla de prata e un pouco máis de experiencia.
Sénior
En sénior, houbo tres bronces galegos, que foron para Iván García (+87, Mat´s), Tania Castiñeira (+73, Hebe) e Helena García (-73, Dobok).
Iván segue avanzando na súa recuperación despois da operación de xeonllo. No Drácula Open logrou a medalla de bronce, aínda que quedou con mal sabor de boca, xa que tivo moi preto o ouro.
Non fixo o primeiro combate ao non presentarse o seu rival italiano Antonio D’Angelo. En cuartos, Iván venceu a Bryan Zonderop (Holanda), en dous asaltos, o primeiro un pouco máis apertado, aínda que controlado, e no segundo, sen dar opción algunha ao rival. Así alcanzou a semifinal, na que se enfrontou a Cunningham (Gran Bretaña). Foi unha loita moi axustada que se decidiu en tres asaltos e o terceiro, no último segundo, cando parecía que se ía a decisión arbitral (empatados a puntos e a rexistros), pero Cuninngham logrou alcanzar a Iván, que non sentiu o toque, e acadou unha vitoria, que lle deu directamente o ouro, xa que o seu contrincante na final non se presentou.
Helena García (-73, Dobok) conseguiu a primeira medalla sénior internacional da súa carreira. Con 17 anos Helena enfrontouse a competidoras moi experimentadas e así irá crecendo no seu rendemento. A galega superou nos cuartos de final a Marlen Sophie Nedic (Alemania) en dous asaltos e con moita solvencia. Na semifinal esperaba a Nika Klepac (Croacia) e a nosa taekwondista quedou eliminada nun combate tremendamente axustado (2-1), no que á balcánica logrou remontar.
O terceiro bronce galego foi para Tania Castiñeira (+73, Hebe), quen segue nun bo momento e fantásticas sensacións no tapiz. Tania venceu en cuartos a Natalie Lauridsen (Dinamarca) en dous asaltos e amosando as súas credenciais, pero na semifinal a galega non puido superar á búlgara Kalina Boyadzhieva, que foi a que finalmente se proclamou campioa do Open.