A selección galega júnior fixo unha boa colleita no Open de Holanda esta fin de semana, acadando un ouro (Adrián Davila), dúas pratas (Javier Otero e Helena García) e dous bronces (Noa Romero e Mateo Boudjenane). Ademais, viaxando co seu club, tamén acadou medalla Víctor Videla (-45, Natural Sport), que foi bronce.

 

A medalla de ouro foi para Adrián Davila (-45, Kae Sport), que venceu nos catro combates disputados. Comezou a competición ante Ilyas Benattou (Bélgica), ao que superou en dous asaltos. Posteriormente enfrontouse a Eliot Guardiola (Francia) nunha loita a tres asaltos, na que se impuxo o galego. Na semifinal enfrontouse ao tamén galego Víctor Videla (Natural) e Adrián venceu por 2-0 para plantarse na final onde esperaba o representante de Inglaterra, Alexander Sherratt. Davila volveu estar moi centrado para impoñerse por 2-1 e lograr o ouro.

 

En -51 quilogramos Javier Otero (Kae Sport) logrou a prata tras facer cinco combates. Comezou cunha vitoria clara ante o representante de Estados Unidos Alessandro González (2-0) e nos oitavos enfrontouse a Noah Zurita (España) onde pasou máis apuros, para imponerse en tres asaltos. Posteriormente venceu a Joep Van Limpt (Holanda) de forma contundente e fixo o mesmo na semifinal ante Gran Bretaña (2-0). Na final enfrontouse a Feyyaz Gumus (Alemaña) e foi unha fermosa disputa, con opción para ambos, que caeu a favor do alemán.

 

Pola súa banda, a galega Helena García (Dobok) logrou a medalla de prata no peso pesado, tras superar dúas roldas e perder na final ante Naomi Alade (Estados Unidos). Nas roldas previas gañou con claridade a Sandra Hacksteiner (Austria) e Inés de Benito (España) por 2-0.

 

Os bronces foron para Noa e Mateo. Noa Romero (-46, Natural Sport) logro o bronce despois de vencer dous combates en dous asaltos ante a representante de Austria Teodora Krajic e nos cuartos de final a Emma Karopka (Alemaña). Na semifinal non puido coa tailandesa Natkamon Wassana, que foi a gañadora final do Open.

 

Pola súa banda, Mateo Boudjenane (-63, BoudSport) tamén logrou o bronce tras superar a dous rivais. Venceu nos oitavos de final a Mykola Marchenko (Ucraína) en tres asaltos, mentres que nos cuartos eliminou a Ferris Durgun (Alemaña) cun claro 2-0. Na semifinal tivo como rival ao estadounidense Isaiah Young, e ambos ofreceron un gran espectáculo, para vencer finalmente o taekwondista de USA en tres asaltos. Young finalmente logrou o ouro.

 

Tamén viaxaron coa selección galega Ada Hermelo (-42, Hebe), Tania López (-59, Patiño), Tudor Ciobanu (+78, Hebe), Alba Rey (-68, BoudSport) e Adrián Martínez (-59, Mace Sport), que competiron a bo nivel, pero non puideron acadar medalla. Unha competición para seguir medrando.

Print Friendly, PDF & Email