Helena García (Dobok, -73) e Samu Meilán (Tao, -58) fixeron un bo traballo no Europeo sub 21 de Bucarest, aínda que quedaron sen medallas. Ambos gañaron un combate e perderon no segundo.
Meilán comezou a competición ante o austríaco Michael Neubauer e o vigués venceu con bastante superioridade en dous asaltos. O primeiro finalizou con 10-5 no electrónico e no segundo, gañou por diferenza de 12. Así deu o salto á segunda rolda onde esperaba o italiano Teodoro Del Vecchio, quen venceu en dous asaltos, a pesar da boa actuación do vigués. Del Vecchio logrou a medalla de prata no Europeo.
Pola súa banda, Helena quedou moi preto das medallas. En primeira rolda superou á italiana Aurora Ceccantini, en dous asaltos e cunha espectacular patada arriba de nako. A rival en cuartos de final foi a croata Mila Mastelic, que se converteu nun oso duro de roer. Mastelic, que finalmente foi subcampioa de Europa, venceu en dous asaltos, a pesar de que Helena loitou ata o final.
Mañá será o momento de ver en acción a Noa Romero (Natural Sport) e Silvia Otero (Mat´s) en -49 quilogramos, e a Sergio Troitiño (-87, Mat´s).
Noa Romero, a pesar da curta idade, xa ten experiencia internacional. No ano 2019 logrou a medalla de bronce no Europeo cadete e agora tratará de sorprender no Europeo sub 21. Noa comezará a competición Ante Andreea Buruiana (Romanía).
Pola súa banda, Silvia Otero afronta con moitísima ilusión pero sen presión o seu primeiro Europeo: “Afróntoo con moitas ganas e moi motivada para medir o meu nivel nunha nova categoría. Será complicado, pero vou facelo o mellor posible”. Silvia comezará a competición ante a vencedora do enfrontamento entre Kajevic (Bielorrusia) e Akgul (Turquía).
Sergio Troitiño é o taekwondista galego con máis experiencia internacional. O pasado ano foi espectacular para el (bronce no Europeo e Mundial júnior) e no 2023 está a lograr grandes resultados xa na categoría sénior, a pesar da súa idade. Xa coñecemos o primeiro rival de Troitiño no Europeo: Será Christou Nikolaos (Chipre).