Chegou a primeira medalla para o taekwondo galego no Europeo sub 21! Noa Romero (Natural Sport) acadou o bronce en -49 quilogramos, nun gran campionato por parte da taekwondista do Natural. Pola súa banda, Sergio Troitiño (-87, Mat´s) perdeu nos cuartos de final e Silvia Otero (-49, Mat´s) caeu na primeira rolda.

 

Así foi o percorrido de Noa no Europeo sub 21 de Bucarest. En primeira rolda superou a Andreea Buruiana (Romanía) con facilidade (2-0), para enfrontarse posteriormente a Maryam Mammadova (Azerbaián), á que venceu en dous asaltos, aínda que moi axustados. Desta forma Noa plántase nos cuartos de final, onde esperaba Latisha Garbett (Gran Bretaña) e novamente a deportista do Natural Sport non deu opción algunha á súa rival e levouse a vitoria en dous rounds. Noa xa tiña asegurada a medalla, pero ela quería máis e so pensaba na semifinal ante a sueca Indra Boden. Foi unha loita axustada e fermosa, que se tivo que decidir en tres asaltos e que, nesta ocasión, caeu a favor da sueca no último segundo Así, valioso bronce para Noa Romero, que volve a un podio internacional. Noa explicounos que “foi unha experiencia incríble que non vou esquecer nunca”. Está un pouco triste porque se lle escapou a final no último suspiro: “Dóeme moito xa que me estiven preparando para isto durante moito tempo pero isto sérveme para seguir mellorando e ir a por máis”.

 

Neste mesmo peso, tamén competiu Silvia Otero, pero non tivo sorte. Caeu no primeiro combate ante Elif Sude Akgul (Turquía) en dous asaltos.

 

Pola súa banda, Sergio Troitiño quedou preto das medallas. Nos oitavos de final superou con comodidade, en dous asaltos e por diferenza de 12, ao chipriota Christou Nikolaos. Nos cuartos o rival foi o ucraíno Artem Harbar, e ambos ofreceron un combate moi rifado. O primeiro asalto estivo igualado ata os últimos segundos, nos que Nikolaos logrou escaparse. No segundo round, a falta de dez segundos, ía por diante Sergio (5-4), pero Harbar logrou remontar cunha acción arriba e non houbo tempo para recuperarse. O ucraíno foi subcampión de Europa sub 21.

 

Mañá, último día do Europeo sub 21 de Bucarest, será o momento de ver en acción a Adrián Salanova (-68, Maniotas) e Irene Montemuíño (-62, Natural Sport). Salanova, nun peso con 41 participantes, arrinca a competición fronte a Daniel Muntaniol (Alemaña). Pola súa banda, a primeira rival de Montemuíño, será a chipriota Antreana Achilleos, tamén nun peso con moitas competidoras (31).

Print Friendly, PDF & Email