Nova xornada de éxitos na President´s Cup Youth! Se onte foron os chicos, hoxe as rapazas responderon a gran nivel logrando tres medallas e clasificándose así para o Europeo sub 21 do vindeiro ano. Ainhoa García (-68, Couto) e Helena García (+68, Dobok) foron prata – Helena viaxaba co seu club–, mentres que Irene Montemuíño (-63, Natural) foi bronce.

 

Ainhoa García fixo unha competición excepcional, vencendo con superioridade nos seus combates ata chegar a final. En oitavos de final gañou a Irem Akdogan (Turquía) por 0-20, nos cuartos superou a Kardelen Demir (6-19) e na semifinal foi implacable ante a francesa Khalida Haddad (0-18). Na final, magnífico combate ante Busra Ozturk, que caeu finalmente a favor da turca (18-11).

 

Helena García (+68) viaxaba a Estabul co seu club, o Dobok, e logrou unha magnífica prata. Comezou a súa andadura na President´s Cup ante Nilsu Yeni e triunfo contundente (21-0). Nos cuartos enfrontouse a Livanur Tiryakioglu (Turquía), que viña de superar á galega Nuria Cernadas, pero Helena “vingouse” e eliminou á turca (0-10). Na semifinal gañou a Zehra Begum Kavukcuoglu por 7-3 e logrou así a súa clasificación para a final. Aquí non puido superar a Sude Yaren Uzuncavdar(6-1) e certificou a súa medalla de prata.

 

Como dicíamos antes, neste mesmo peso participaba Nuria Cernadas (Natural Sport), que caeu derrotada no primeiro combate ante Livanur Tiryakioglu (6-13)

 

Pola súa banda, Irene Montemuíño (-63, Natural Sport Ribeira) acadou a medalla de bronce, despois de disputar catro combates. En primeira rolda venceu con enorme claridade a Silanur Ak (2-23), e nos oitavos tivo unha loita moi apertada e fermosa coa grega Daphne Stamou, que se inclinou a favor da galega (13-15). Nos cuartos, outro combate moi disputado ante Selenay Gucluefe, no que Montemuíño volveu ser superior (11-9). Iso si na semifinal non puido con Theopoula Sarvanaki (Grecia) e pechou así cun bronce a súa participación na President´s Cup.

 

Pola súa banda, neste mesmo peso Cloe Iglesias (Patiño) perdeu nos cuartos de final ante Isile Zafer (2-5), que foi a que se fixo co ouro nesta categoría. Antes Cloe vencera a CELIK Ayse Nur (9-6).

 

Tamén competiron hoxe en Estambul María Ferreiro (-49, Couto) e Yadira Reimúndez (-55, Mat´s). Ferreiro gaña a Elifnur Kaya (15-16) e perde en segunda rolda ante Sude Demiralp (14-15). Mentres, Yadira superou á grega Marina Maria Alexiadou (2-0) e caeu nos cuartos de final contra Huru Gokce Gogebakan (4-13), do equipo nacional de Turquía, que foi a medalla de ouro.

Print Friendly, PDF & Email