Galicia viaxou ao Open de Bélxica, que se disputou esta fin de semana en Lommel, cun nutrido grupo de deportistas tanto na categoría sénior como na júnior. E os resultados foron espectaculares! Na categoría sénior houbo un ouro (Sergio Troitiño), unha prata (Iván García) e dous bronces (Sara Cortegoso e Tania Castiñeira).

 

Sergio Troitiño (-87, Mat´s) segue imparable neste inicio de tempada e suma un novo ouro internacional, nesta ocasión no prestixioso Open de Bélxica. O galego disputou e gañou catro combates para lograr subir ao máis alto do podio. Na primeira rolda enfrontouse ao francés Nahil Mehnana, un rival que ten un estilo que non lle gusta moito a  Sergio, pero o galego foi moi práctico e rematou con contundencia en dous asaltos.

 

Posteriormente competiu co serbio Milos Golubovic, co que tivo máis problemas. Sergio venceu en tres asaltos e no último foi moi contundente para evitar sorpresas. Na semifinal o rival foi o cabeza de serie número 2 do torneo, Adrián Wojtkwiak (Polonia) ao que tamén superou en tres rounds, moi axustados todos eles, e que lle deron o pase á final. Aquí esperaba o cabeza de serie do torneo e número 1 mundial do peso, o croata Iván Sapina, pero Sergio loitou sen complexos e logrou a vitoria en dous asaltos duros e tensos (10/9 e 6/4).

 

Iván García (+87, Mat´s) logrou a medalla de prata neste Open de Bélxica. Iván comezou a súa competición ante o francés Agbogbe-Salanon e o galego venceu en dous cómodos asaltos, nos que aproveitou para ir probando cousas e saír da súa zona de confort. Nos cuartos, enfrontouse a Mikolaj Szaferski (Polonia). Volveu ser un combate sinxelo e de ensaios para o galego e precisamente por iso perdeu o segundo, dando unha emoción extra á loita. Pero no terceiro non deu a máis mínima opción ao seu rival e venceu de forma cómoda.

 

Na semifinal tiña que enfrontarse ao turco Atesli, pero non se presentou, polo que avanzou directo á final onde esperaba Caden Cunningham, co que se enfrontara hai uns meses no Open de Drácula. Foi un combate fermoso e tremendamente axustado, tal e como nos contou Iván. O primeiro asalto foi para Iván, no segundo venceu o británico e o terceiro estivo moi rifado e interesante, para finalmente caer a favor de Cunningham.

 

Pola súa banda, Sara Cortegoso (-46, Mace Sport) acadou a medalla de bronce no Open de Bélxica. Sara arrincou a competición ante Magdalini Mytiliniou (Grecia) á que venceu en dous asaltos e con comodidade. En segunda rolda superou a Ida-elina Tammila (Finlandia) en tres rounds e mostrando unha magnífica actitude, para acadar unha fantástica victoria. Na semifinal, Sara Cortegoso enfrontouse a Elisa Bertagnin (Italia), nun combate no que a galega foi por diante en varios momentos pero finalmente caeu derrotada. Bertagnin logrou a medalla de ouro. Sara viaxaba co obxectivo de gañar para acadar os puntos necesarios para o ranking nacional e ter opcións de viaxar ao Europeo, e a pesar de que non logrou o ouro, está satisfeita coa medalla e a súa actuación.

 

Tania Castiñeira (+73, Hebe) acadou unha magnífica medalla de bronce, nun peso que contaba con 24 participantes, entre as que destacaban varias medallistas mundiais e clasificadas para os Xogos Olímpicos. Tania comezou a competición en oitavos de final ante a polaca Dagmara Haremza e a galega foi moi superior para impoñerse en dous asaltos.

 

Nos cuartos de final a rival foi a gran Bianca Cook, unha vella coñecida para Tania e un óso duro, aínda que a galega xa sabía o que era gañarlle. E, tras un combate fermoso e moi axustado, Castiñeira acadou a medalla de bronce, ao vencer 2-1.

 

Na semifinal Tania cruzouse coa alemá Lorena Brandl, unha das referentes do peso pesado. Tania mantivo o seu nivel e estivo a piques de vencer no primeiro asalto, pero perdeu por 1-0 por camchon. No segundo asalto, pese a intentalo ata o final, non logrou superar a Brandl, que finalmente se proclamou vencedora do peso.

Print Friendly, PDF & Email