Hoxe comezou o Open de España na modalidade de combate, coa celebración da categoría cadete. A selección galega logrou un ouro (Antón Quintero), unha prata (Andrea Rodríguez) e catro bronces (Thiago Segade, Ángela Balado, Nahur Salas, Erik Misa).
O ouro foi para Antón Quintero (Kwon) no peso pesado. Na semifinal superou ao madrileño Alejandro Fernández (Gimnasio Lee Mostoles), que medía case dous metros, pero Antón foi moi superior e gañou en dous asaltos. Na final venceu tamén en dous cómodos rounds ao andaluz Ángel Vázquez (TKD Mairena), quen precisamente viña de eliminar na semifinal ao tamén galego Nahur Salas (Patiño), que tivo que conformarse co bronce.
Andrea Rodríguez (-47, Garrapucho) acadou a medalla de prata despois de vencer catro combates e so perder na final ante a catalá Gisela Gutiérrez. Con anterioridade eliminou a taekwondistas de Andorra, Alemaña, Francia e na semifinal venceu á francesa Maelle Yembi.
Ángela Balado (+59, Mat´s) logrou o bronce tras superar nos cuartos de final á española Dusa Sadik. Na semifinal foi derrotada pola francesa Naia Bagadi, nun axustado combate. Badagi foi finalmente a campioa do peso.
Erik Misa (-61, Patiño) tamén conseguiu subir ao podio, tras gañar nos cuartos a Pablo Cobos, do Taekwondo Moncada. Na semifinal esperaba o deportista do Jansu Tenerife, James Bryan Delgado, que venceu ao galego e logrou a medalla de ouro no Open.
Thiago Segade (-59, Natural Sport) tivo que superar dúas roldas para conseguir o bronce. Primeiro venceu ao sueco Charlie Nilsson e posteriormente ao español Ángel Argiles. Na semifinal non puido con Iván López, que tamén logrou a primeira posición no campionato. E como indicamos antes, o último bronce foi para Nahur Salas (Patiño), no peso pesado.