A selección galega júnior acadou dous ouros (Carla Sesar, Ekaterina Rebón), unha prata (Adrián Davila) e tres bronces (Noa Romero, Elisa Fernández, Alba Rey) no Open de España de combate.
Carla Sesar (-55, Natural Sport) logrou a medalla de ouro despois de vencer en cinco combates nun peso con 32 participantes. A galega superou a Maissa Linoubli (Francia) en primeira rolda, e a continuación deu boa conta de Emily Mills (Gran Bretaña). Nos cuartos de final eliminou a Paine Juanes e así logrou o pase para a semifinal onde esperaba Martina Di, da Federación Valenciana, rival directa da nosa deportista na loita para clasificarse para o Mundial da categoría. Pero Carla foi superior e logrou un novo triunfo, co que se plantou na gran final. Alí enfrontouse á italiana Alessandra D´angelo e Sesar volveu facer un gran traballo para sumar a vitoria no Open de España.
Ekaterina Rebón (Número Phi) subiu ao máis alto do podio en -59 quilogramos, despois de ganar a catro rivais. Ekaterina arrincou o Open ante a tamén galega Adriana Naveiro (Kwon Betanzos) e Rebón avanzou ao seguinte nivel, onde tivo como rival a catalá Marta Domínguez. Ekaterina estaba imparable e tamén gañou para meterse na semifinal, onde tivo como rival a Leticia Arbuzina (Valencia), unha das súas rivais no vindeiro campionato de España. Na final a galega venceu á francesa Fátima Mendy, para conseguir así o ouro no Open de España.
A medalla de prata foi para Adrián Davila (-45, Kae Sport). O vigués gañou a Gabriel Rodríguez, Iván Fernández e Incolo Sevagian (Italia), para plantarse así na final ante Andreas Sandro Lepape (TKD Jorsan). Nesta ocasión, Davila non puido vencer e logrou a medalla de prata.
Ademais, houbo tres bronces para Galicia. Alba Rey (-68, Boud Sport) logrou subir ao podio despois de vencer nos cuartos de final á catalá Nayala Silva. Pero na semifinal caeu eliminada ante Yessenia Salgado.
Pola súa banda, Elisa Fernández (Garrapucho) acadou o bronce en -52 quilogramos. A galega venceu á balear Marta Roldán en primeira rolda e despois a Eva Blesa (Cataluña) nos cuartos de final. Na semifinal non puido coa francesa Inés Benetti.
E rematamos co bronce de Noa Romero (-49, Natural Sport), que superou dúas roldas antes de perder na semifinal ante a francesa Mah Teninba Fofana, coa que non puido. Iso si, gañou os combates ante Alicia Kacou-Fleury (Francia) e Julia Martínez (Valencia).