O taekwondista do Maniotas, que a semana pasada acadou a prata no Open de Albania, proclamouse campión en Podgorica na categoría de -74 quilos e sumou dez puntos para o ranking olímpico.
Adrián Salanova continúa nun gran momento de forma. Despois de facerse coa medalla de prata a semana pasada no Open de Albania, o deportista galego proclamouse a pasada fin de semana campión do Open de Montenegro, disputado en Podgorica. Un triunfo de mérito, especialmente porque nesta ocasión competiu na categoría de -74 quilos, un peso superior ao habitual.
A conquista do ouro esixiu unha longa xornada de competición, con doce horas de actividade e cinco combates. Salanova foi superando todas as roldas ata chegar á final, na que se impuxo ao representante de Dinamarca, Otto Jorgensen.
O camiño cara ao título comezou coa vitoria ante o serbio Subotic na primeira rolda. Despois, eliminou o brasileiro Matheus Amaral en segunda rolda, o bosnio Husic nos cuartos de final e o serbio Uros Turkulj nas semifinais. A vitoria na final completou unha actuación brillante que lle permitiu sumar dez puntos para o ranking olímpico.
Desde o seu club, o Maniotas, quixeron destacar a veteranía, a solidez, a capacidade de sacrificio e a intelixencia táctica que Adrián amosou sobre o tapiz, especialmente ante rivais que o superaban en envergadura e forza.








