Neste ano tan atípico, teremos un Mundial de técnica e freestyle tamén diferente. A Federación Mundial de Taekwondo apostou por celebrar un Mundial de Técnica e Freestyle oficial online, adaptado as circunstancias especiais que está a vivir o mundo pola pandemia da COVID-19.
Desta forma, nestes últimos días 19 das e dos nosos deportistas estivéronse preparando para unha preselección de Española para este Mundial. A RFET decidiu, ante o tempo que se leva sen competir, facer unha preselección entre os catro primeiros do ránking das diferentes categorías para decidir quen acudirá ao Mundial representando a España.
Este Mundial será diferente, claro está. Ademais de celebrarse online só será individual e nas categorías adultas, tanto en técnica (a partir de sénior 1) como freestyle (+ de 18 anos) masculino e feminino. Iso si, tamén haberá unha competición Open para as categorías cadete e júnior (masculina e feminina) en técnica, e a Federación Española presentará igualmente representantes, polo que tamén hai preselección.
En total son 19 as e os deportistas galegos preseleccionados (13 en técnica e 6 en freestyle) pola Federación Española, que estiveron preparándose nestes últimos días para este reto. O prazo para a presentación dos exercicios rematou onte e en breve a Real Federación Española de Taekwondo dará a coñecer o nome dos deportistas seleccionados para o Mundial. Posteriormente, a Federación Galega ofrecerá a súa lista de convocados para o torneo Open das categorías cadete e júnior.
O Campionato do Mundo de Técnica e Freestyle celebrarase do 15 a o 30 de novembro e inicialmente está previsto que a primeira e segunda fase se realice enviando os vídeos gravados, mentres que a final será en directo.
Na seguinte ligazón tedes a lista de preseleccionados da RFET.